A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe a cidade herculina con motivo da publicación no ‘Diario Oficial de Galicia’ do anuncio de información pública do decreto
A Xunta abre un prazo dun mes para recompilar achegas e suxestións ao plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules
A contorna da Torre de Hércules foi declarada ENIL de xeito provisional a comezos do ano 2020 e a súa declaración definitiva quedou condicionada á elaboración e aprobación do correspondente plan por parte do Concello da Coruña
A zona ocupa preto de 40 hectáreas e conta con importantes valores paisaxísticos e ecolóxicos, coa catalogación dunha gran variedade de especies de flora e fauna
A Coruña, 23 de decembro de 2024
A Xunta someterá a información pública desde mañá e durante un mes o proxecto de decreto polo que se aprobará o plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Torre de Hércules, na Coruña, que ten como fin protexer os seus valores naturais e patrimoniais, entre outros.
Durante unha visita á cidade da Coruña, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, avanzou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se informa a todas aquelas persoas ou entidades interesadas de que poderán enviar á Xunta ata o vindeiro 23 de xaneiro as súas posibles achegas e suxestións ao referido plan.
A participación neste proceso poderá facerse ben de forma telemática, a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta ou co envío dun correo electrónico ao enderezo planificacion.conservacion@xunta.gal, ben mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Así mesmo, a responsable autonómica tamén lembrou que a contorna da Torre de Hércules foi declarada ENIL de xeito provisional a comezos do ano 2020 e que a súa declaración definitiva quedou condicionada á presentación por parte do Concello da Coruña —como titular do espazo e responsable da súa xestión— do plan de conservación correspondente, cuxo decreto de aprobación se somete agora a información pública.
Torre de Hércules
O ENIL Torre de Hércules ocupa preto de 40 hectáreas e abrangue desde a praia das Lapas, que constitúe o seu extremo oeste, pasando pola contorna da propia torre, punta Herminia e Campo da Rata ata a cala das Durmideiras, no seu extremo leste. O seu límite interior delimítase polo paseo marítimo e a senda que vai desde a antiga cárcere provincial ata a rotonda da Torre de Hércules, mentres que o seu límite exterior é o mar.
Este espazo, malia tratarse dunha extensión reducida, conta con importantes valores paisaxísticos e ecolóxicos, acollendo unha abundante biodiversidade. De feito, destacan a existencia de queirogais secos acompañados de especies de flora como a Armeria maritima e A. Pubigera así como de pequenas pozas permanentes e estacionais nos rochedos litorais, lugares nos que se poden atopar exemplares do anfibio Discoglossus galganoi. Tamén discorre por este espazo o rego da Lagoa, un pequeno suco natural que desemboca na praia das Lapas e favorece o crecemento de amieiros e salgueiros.
Así mesmo, pode observarse un gran número de aves, insectos, fungos e outras especies de flora. Entre os insectos destaca a presenza da vacaloura (Lucanus cervus) e entre os mamíferos o ourizo (Erinaceus europaeus) e o morcego común (Pipistrellus pipistrellus).
Entre os valores da contorna da Torre de Hércules está tamén a súa calidade paisaxística, xa que se trata dun dos mellores miradoiros naturais cara o Atlántico e as rías do Golfo Ártabro. Desde este espazo pódese ollar a ría da Coruña e parte das rías de Betanzos e Ferrol, formando unha unidade paisaxística que abrangue toda a contorna da torre e na que se presentan a flora e o océano case no mesmo plano.
A responsabilidade e competencia para a xestión deste espazo natural correspóndelle ao Concello da Coruña que, de acordo co plan de conservación que se está a tramitar, se compromete a consignar, con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión oportunas para acadar ese obxectivo.