O espazo natural de interese local (en diante, ENIL) Torre de Hércules, situado no Concello da Coruña (provincia da Coruña), abrangue desde a marxe esquerda da praia das Lapas, pasando pola contorna da Torre de Hércules, punta Herminia e Campo da Rata, ata a marxe dereita da cala de Durmideiras.
A solicitude de declaración deste espazo como ENIL por parte do Concello da Coruña iniciouse estando en vigor a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. O ENIL foi declarado de xeito provisional mediante a Orde do 27 de decembro de 2019 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020), ao abeiro da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e da Lei 9/2001, do 21 de agosto.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, que igualmente recolle a figura de ENIL entre as categorías de espazos naturais protexidos. Na súa disposición transitoria sétima, punto 2, esta lei sinala que os procedementos administrativos en tramitación no momento da súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente no momento do seu inicio.
Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación das normas de xestión e conservación en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, que carezan de instrumentos de planificación e non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta lei realizaranse, tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o seu contido ao previsto no artigo 64.
Por tal motivo, o Plan de conservación deste ENIL tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, respectando a terminoloxía recollida nesta lei para o instrumento de planificación, tendo en conta que a súa tramitación se iniciou coa presentación da solicitude de declaración do espazo o 31 de xaneiro de 2018 e do seu instrumento de planificación o 9 de setembro de 2021, antes da entrada en vigor da Lei 7/2022, do 27 de decembro.
Como paso previo para a elaboración do Plan de conservación realizouse un documento base do Plan que foi sometido a participación pública mediante o Anuncio do 4 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.
O dito documento expúxose ao público na páxina web da entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda durante un período dun (1) mes, recibindo un total de tres (3) escritos con suxestións ou observacións.
Posteriormente, mediante o Anuncio do 3 de xuño de 2023, dáse un novo prazo de participación pública de dez (10) días, debido a que durante o anterior período de participación houbo un fallo na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e non estivo dispoñible a consulta do documento base durante varios días. Neste segundo prazo non se recibiron suxestións ou observacións.
Analizados os escritos presentados, todas aquelas suxestións consideradas axeitadas en relación coa lexislación básica estatal e autonómica en materia de conservación do patrimonio natural foron incorporadas ao proxecto de decreto polo que se aprobará o Plan de conservación do espazo.
Por outro lado, durante a elaboración do decreto polo que se aproba o plan de conservación do ENIL, observouse a existencia dunha incongruencia cartográfica, en relación co límite da baixa mar, entre o establecido na orde de declaración provisional, a cartografía publicada e a realidade.
Na orde de declaración provisional do espazo figura que «O límite exterior sería o mar, considerando a liña do deslindamento DL-181-LC (aprobado por Orde ministerial do 28 de xaneiro de 2004) e DL-106-LC (aprobado por Orde ministerial do 11 de marzo de 2004), así como a franxa intermareal e os cantís que emerxen na máxima baixamar. O ámbito do ENIL inclúe terreos de dominio público marítimo-terrestre, estando parcialmente afectado polas servidumes de tránsito e de protección e totalmente afectado pola zona de influencia de 500 metros de anchura».
Nesta descrición dos límites do espazo faise referencia á baixamar. Porén, a liña de baixamar e o linde aprobado provisionalmente non son coincidentes, e tampouco se axusta nalgúns puntos á realidade do terreo, aínda que si inclúe parcialmente a franxa intermareal.
Segundo a liña da baixamar, a superficie protexida sería moi superior ás 39,48 ha declaradas provisionalmente, polo que se decidiu axustar a cartografía e adoptar como límite costeiro a liña de preamar elaborada polo Instituto Hidrográfico da Marina, con mellor axuste aos límites reais do espazo. Con este axuste cartográfico a superficie protexida sería de 41,04 ha (mapa 1 do anexo II do proxecto de decreto).
Visto o anterior e en virtude ao establecido no artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro,
ACORDO:
Primeiro. Abrir un período de información pública do proxecto de decreto polo que se aprobará o plan de conservación deste espazo protexido durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o proxecto de decreto no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia:
https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions
Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:
https://medioambiente.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html
Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:
a) A través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.
b) Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Plan de conservación do ENIL Torre de Hércules».
c) Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024
María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
