Belén do Campo felicita á artesá galega Carla Souto que recibiu unha bolsa Eloy Gesto nos premios Artesanía de Galicia 2024
Este recoñecemento vai dirixido aos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación e está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio
A Coruña, 23 de decembro de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o establecemento de xoiería e bixutería da artesá Carla Souto, premiada na gala de Artesanía de Galicia 2024 cunha das bolsas Eloy Gesto. Este recoñecemento fai fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada, polo que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio.
Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Na súa elección como beneficiaria desta bolsa valorouse o carácter innovador do seu proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o seu currículo e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se tivo en conta o grao de madurez e a calidade na presentación da súa proposta. Nesta categoría a idade máxima para presentarse é de 45 anos.
Belén do Campo destacou o papel da artesanía coma garante da identidade e cultura galega e como “embaixadora da marca Galicia” polo mundo. Neste senso, destacou que “Carla Souto é o mellor exemplo do enorme potencial dos artesáns galegos” e fixo fincapé en que se trata dun sector que representa “a Galicia potente que ten que estar no mundo, pero sen perder as súas raíces”.
Sector artesán
A comunidade conta con preto de 800 obradoiros que axudan a dinamizar a economía e fixar poboación no rural galego. Por iso, a Xunta leva anos apoiando a este sector. Galicia foi a primeira comunidade en contar cun selo propio -Artesanía de Galicia- que desde os anos noventa promove e difunde o labor dos artesáns galegos. Os orzamentos de 2025 reservan 1,2 millóns de euros para a Fundación Artesanía de Galicia, o que supón un incremento do 14%.
A delegada tamén destacou que a Xunta ten en marcha diferentes iniciativas para garantir a remuda xeracional no sector da artesanía. Entre elas destaca o programa Aprender da tradición, unha iniciativa pioneira que se puxo en marcha no 2023 e que vai ser ampliada no vindeiro ano. Trátase dun programa que busca mellorar a formación dos traballadores de obradoiros e captar novos talentos para este eido a través de cursos específicos para oficios coma a forxa, a sombreirería, a xastrería, a ourivería ou a olería.
O Goberno autonómico tamén destinará o vindeiro ano 265.000 euros a axudas para fomentar a comercialización das pezas de artesanía feitas na comunidade. E ademais reforzará o apoio a este sector a través de medidas para dinamizar o pequeno comercio como o Bono Activa Comercio —cuxa última edición constatou de novo a súa eficacia para impulsar as vendas, con preto de 22,5 millóns de euros mobilizados—ou o Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 que está previsto aprobarse no primeiro trimestre do vindeiro ano e que busca impulsar a competitividade, modernización e dixitalización dos máis de 24.000 comercios polo miúdo que hai en Galicia.