A Xunta subvenciona con 30.000 euros as obras de mellora das instalacións da casa do concello de Vilaboa
O delegado territorial visitou o resultado das obras que consistiron na mellora das luminarias, na substitución da porta de entrada ao edificio e na optimización do sistema de calefacción
A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local e beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra
Vilaboa, 26 de decembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora das instalacións e acondicionamento da casa do concello de Vilaboa.
Estas obras, que contan cunha achega da Xunta de máis de 30.000 euros, permitiron substituír as luminarias do edificio por uns paneis LED máis modernos e eficientes. Tamén se substituíu a vella porta de entrada por unha automática e se mellorou o sistema de calefacción, desprazándoo a unha nova estancia de forma a optimizar o seu rendemento. Por último, realizáronse cambios na distribución interna do edificio coa execución de novos tabiques e mamparas modulares.
A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local, que beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra por valor de máis de 520.000 euros. Na área de influencia do concello de Pontevedra recibiron esta subvención, ademais de Vilaboa, os concellos de Marín; Bueu; Campo Lameiro; e Poio.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de seguir “colaborando entre institucións para mellorar a infraestruturas públicas”. Reguera lembrou que “os concellos son lugares moi transitados e puntos de encontro para a veciñanza, especialmente nos sitios máis rurais” e que, polo tanto, “é imprescindible facelos lugares confortábeis, acolledores e agradables tanto para quen acode cada día ao seu posto de traballo, como para o resto dos veciños e veciñas”.