Galicia lidera os pagos de axudas directas da PAC co 83% do total aboado fronte ao 53% da media estatal

A nosa comunidade atópase a 11 puntos de diferencia en comparación coa segunda rexión máis avantaxada, que executou o 72%, logo de facer efectivo o pago de 160 millóns de euros a máis de 23.000 beneficiarios antes de rematar o ano

O Goberno autonómico foi pioneiro en aboar os 45 millóns de euros do anticipo en outubro, podendo contar os beneficiarios cun fluxo de efectivo para facer fronte aos seus gastos operativos durante o presente ciclo agrícola

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

Galicia é a comunidade autónoma que lidera o grao de execución dos pagos da Política Agraria Común (PAC) cun 83% do total xa aboado, fronte ao 53% da media estatal. Ademais, Galicia atópase a 11 puntos de referencia en comparación coa segunda rexión máis avantaxada, que executou o 72%. Neste sentido, maniféstase o compromiso do Goberno autonómico co sector primario galego, apostando sempre pola axilidade á vez que se garante a seguridade xurídica dos máis de 23.000 gandeiros e agricultores que se benefician cada ano destas achegas.

A Consellería do Medio Rural xa executou os 45 millóns de euros do anticipo da PAC con varias semanas de antelación, adiantando os pagos ao mes de outubro, cando o habitual é cobralos en novembro. Este anticipo é de vital importancia para o sector primario galego, xa que permite inxectar un montante de diñeiro inicial que facilita que agricultores e gandeiros a posibilidade de empezar a operar sen ter que agardar a que abra o período de pagos da PAC.

Cabe sinalar que estes 45 millóns foron destinados ás liñas de vacún de leite e carne, xa que son achegas non asociadas a superficies. Isto permite que os cálculos poidan executarse de maneira completa sen asumir riscos e salvagardando a seguridade xurídica dos beneficiarios, xa que no mes de outubro aínda non están rematados os controis de monitorización que inflúen nestas achegas.

Seguindo esta liña, Galicia aboou as axudas da PAC por un importe que ascende a uns 117 millóns de euros; desagregados en máis de 99,3 millóns de achegas directas e outros case 17,73 millóns naquelas destinadas a zonas con limitacións naturais. Así, Galicia beneficiarase de máis 160 millóns de euros, tendo en conta tamén o anticipo, antes de rematar o ano e dentro do primeiro mes a partir do cal se permiten os pagos para a actual campaña. Este montante permitirá ao sector agrogandeiro encarar a súa actividade dende os primeiros días do seu ciclo agrícola, dotándoo de liquidez dende o comezo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2024