A Xunta adxudica por máis de 434.000 € a obra de ampliación da depuradora de augas de Triacastela

O prazo de execución da actuación é de seis meses e, ademais de aumentar a capacidade de depuración actual, mellorará o sistema e renovará por completo todos os equipos

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2024

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, vén de adxudicar o contrato de obra da ampliación da estación depuradora de augas residuais de Triacastela (Lugo) por un importe de 434.010 euros, IVE incluído, cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A actual EDAR deste municipio está deseñada para dar servizo a uns 350 habitantes equivalentes polo que resultaba xa insuficiente para a poboación actual, superior aos 600 habitantes. Con este proxecto preténdese dar solución a esta cuestión ao tempo que se mellora o esquema actual do proceso de depuración. 

De feito, a actuación, ademais de ampliar a capacidade de depuración actual, mellora o sistema, incluíndo a decantación primaria así como a renovación completa de todos os equipos. O prazo de execución das obras é de seis meses. 

Esta actuación vai en liña coa filosofía da Xunta de seguir mellorando o estado das masas de auga dos ríos e rías galegos. En concreto, de cara a este ano 2025, cómpre lembrar que Augas de Galicia investirá 41,1 millóns de euros en infraestruturas de saneamento e que o 70% do orzamento total deste departamento irá destinado a actuacións en materia de saneamento e abastecemento. 

Data de actualización: 01/01/2025