A Xunta destina preto de 62.000 euros en axudas a concellos de Ferrolterra para impulsar proxectos de conservación no Parque Natural Fragas do Eume

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución destas subvencións durante unha visita ao aparcamento disuasorio habilitado polo Concello de Cabanas na parroquia de Soaserra

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinou este ano un investimento de preto de 1,4 M€ a esta convocatoria dirixida tamén a particulares, asociacións medioambientais e empresas

Cabanas (A Coruña), 3 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia destina preto de 62.000 euros en axudas aos concellos de Cabanas e As Pontes para impulsar proxectos de conservación e posta en valor do Parque Natural Fragas do Eume. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta destas axudas destinadas a parques naturais de Galicia durante unha visita ao aparcamento disuasorio construído na parroquia de Soaserra, en Cabanas, xunto ao alcalde da localidade, Fernando Couce.

A iniciativa contou cun investimento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de 32.810 euros e permitiu a reforma completa do firme do estacionamento cun pavimento adecuado e a reorganización das prazas existentes para unha mellor xestión do espazo. A actuación tamén incluíu a instalación de pavimento de céspede armado no perímetro e unha ornamentación vexetal para mellorar e poñer en valor a instalación.

Martina Aneiros explicou que, a través desta orde dirixida tamén a particulares, asociacións e empresas, o Goberno galego subvenciona iniciativas destinadas á conservación e restauración da biodiversidade, especialmente as orientadas a mitigar os efectos do cambio climático; á mellora da conectividade ecolóxica da fauna e a flora; á restauración de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos e necesarios para o mantemento da súa paisaxe e á creación ou mellora de infraestruturas para a xestión de usos recreativos.

Lembrou que a través desta orde se concederon preto de 1,4 M€ e que, no caso dos concellos, as contías a recibir foron dun máximo de 40.000 euros por proxecto. Ademais destacou como principal novidade da convocatoria de 2024 a posibilidade de subvencionar tamén campañas de concienciación medioambiental e actividades informativas e de sensibilización relacionadas con calquera dos seis parques naturais galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2025