O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o equipamento acompañado do alcalde, Ricardo González

A Xunta financiou obras de mellora da accesibilidade no seu centro de día para persoas maiores de Toén

Destináronse preto de 27.000 euros a estas obras enmarcadas no plan de actuacións que a longo de todo o ano se desenvolve nos servizos da rede pública autonómica

Toén (Ourense), 3 de xaneiro de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asegurou hoxe que neste 2025 a Xunta de Galicia seguirá a traballar na mellora dos centros de atención aos maiores co obxectivo de manter unhas instalacións e uns servizos de calidade. Díxoo durante unha visita ao centro de día de Toén, pertencente á rede pública autonómica, e no que se realizaron diferentes obras de accesibilidade, entre outras actuacións.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Ricardo González, enmarcou estes traballos no programa de intervencións que ao longo de todo o ano realiza o Consorcio nos seus centros. Neste caso, destináronse case 27.000 euros a traballos que melloran a comodidade da trintena de maiores que acoden diariamente a este servizo.

Así, mellorouse a accesibilidade ao centro coa construción dunha rampla e a instalación tanto de pasamáns como de varandas. Tamén se colocaron toldos, persianas de aluminio e vinilos nos cristais da fachada principal; e se dotou dun falso teito exterior a terraza para evitar filtracións e humidades. Estas obras son o resultado dun convenio de colaboración asinado entre o ente autonómico e o concello, que foi o encargado de executalas.

Ademais destas melloras, o concello eliminou a caldeira de gasoil que tiña o centro e se instalou no seu lugar un sistema de aerotermia. A Xunta subvencionou esta actuación con 30.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2025