A Xunta destina máis de 190.000€ a garantir un servizo de asistencia sanitaria no Parque Nacional das Illas Atlánticas en 2025 e 2026

O contrato, que acaba de saír a licitación, permitirá ofrecer este servizo presencial en Cíes e en Ons nas épocas do ano que concentran a maior afluencia de visitantes

A maiores, tamén se disporá de enfermeiros durante as xornadas que se realicen excursións organizadas a calquera dos catro arquipélagos fóra da tempada alta

Os interesados teñen ata mediados de xaneiro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2025

A Xunta ten reservado un orzamento de 190.610,96 euros para garantir a asistencia sanitaria presencial no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ao longo deste ano e do seguinte.

O contrato, que acaba de sacar a licitación a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, permitirá ofrecer este servizo as 24 horas do día no caso de Cíes e de Ons coincidindo cos dous períodos de tempada alta nos que existe transporte regular ás illas e nos que o límite de visitantes é maior: do 15 de maio ao 30 de setembro e durante os 10 días da Semana Santa.

A maiores, a adxudicataria do contrato tamén se deberá facer cargo da asistencia sanitaria que poida ser necesaria durante as excursións organizadas a calquera dos catro arquipélagos que integran o Parque Nacional (Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora). En total, cada ano organízanse 20 viaxes deste tipo ás illas fóra de tempada alta.

Para garantir unha correcta prestación do servizo e cubrir as correspondentes quendas de traballo, requírese un mínimo de catro diplomados ou graduados en Enfermería. Ademais, a empresa deberá contar cunha persoa que teña experiencia coordinando equipos no ámbito sanitario en espazos remotos.

Neste sentido, cómpre ter en conta que nas épocas sinaladas a asistencia se prestará durante todo o día, con 8 horas de servizo presencial no punto de primeiros auxilios ou na caseta de enfermería existentes en Cíes e en Ons. Así mesmo, en caso de que xorda unha incidencia noutro lugar destes arquipélagos, o persoal sanitario desprazarase ata alí xunto con traballadores do propio parque ou doutros servizos de emerxencias.

Co fin de poder desenvolver correctamente o seu traballo, nos pregos da licitación esíxese que en cada un dos postos de primeiros auxilios haxa dispoñible un mínimo de material sanitario, entre o que cómpre citar un desfibrilador externo semiautomático, boticas de primeiros auxilios, un colariño adulto e pediátrico, férulas, padiolas ou táboas de RCP (reanimación cardiopulmonar), entre outros.

As empresas interesadas en participar no procedemento teñen ata mediados deste mes para presentar as súas ofertas a través do sistema de licitación electrónica da Xunta. A prestación do servizo establécese no propio contrato para 2025 e 2026 aínda que se prevé unha posible prórroga por un máximo de dous anos (é dicir, 2027 e 2028) en cuxo caso o valor estimado para todo o período ascendería ata os 381.221,92 euros.

Máis de medio millón de visitas

Desde a súa declaración no ano 2002, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibe unha grande afluencia de visitantes tendo en conta que o uso e desfrute público é unha das súas funcións principais.

De feito, nos últimos dous anos superou o medio millón de visitas entre turistas, grupos escolares e investigadores, o que supón unha boa oportunidade para dar a coñecer os principais valores deste espazo natural único e a necesidade da súa preservación.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional, en vigor desde 2019, define entre os seus obxectivos o de garantir a conservación dos hábitats e especies mediante o establecemento dunhas medidas axeitadas de xestión, función que recae sobre a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Por iso, dentro do programa de actuacións do PRUX recóllese a implantación de plans de emerxencia co fin de optimizar os recursos técnicos e humanos dispoñibles para controlar de forma rápida a súa evolución e minimizar as posibles consecuencias, que é o obxectivo no que se enmarca o servizo de asistencia sanitaria licitado pola Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2025