A Xunta adxudica por máis de 647.000 € as obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento do Canedo, no concello de Ordes
As actuacións, cun prazo de execución de seis meses, supoñen substituír as traídas e pozos particulares existentes na actualidade por canalizacións comunitarias para dar un servizo adecuado á veciñanza do lugar cun horizonte temporal que vai ata 2045
Os traballos desenvolveranse na contorna da estrada N-550, atravesándoa ata en catro ocasións, polo que tamén está prevista a reposición do pavimento afectado polas perforacións necesarias para a execución do proxecto
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2025
A Xunta de Galicia adxudicou recentemente por un orzamento de 647.670,98 euros, IVE incluído, as obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento ao núcleo do Canedo desde O Mesón do Vento, no concello coruñés de Ordes. As actuacións inclúen tamén a reposición de pavimento afectado na N-550 e unha nova pavimentación en viarios locais.
Cun prazo de execución de seis meses, os traballos teñen como finalidade substituír as traídas veciñais e os pozos particulares existentes na actualidade por unha rede común que garanta un axeitado control sanitario e facilite os labores de mantemento e limpeza das instalacións.
Neste caso, óptase por unha nova rede de abastecemento mixta que garanta o subministro fronte a eventuais cortes da rede e un mellor reparto das presións. Os traballos permitirán dar un servizo adecuado á veciñanza deste lugar cun horizonte temporal que vai ata o ano 2045.
En concreto, as actuacións en materia de abastecemento inclúen a instalación de 2.500 metros de tubaxe de 75 milímetros de diámetro para a rede principal e 315 metros de tubaxe de 63 milímetros de diámetro para os ramais secundarios. A maiores, para completar a rede, empregaranse outros elementos como válvulas de comporta, ventosas de triplo efecto, válvulas de baleirado e unha válvula redutora de presión, así como as correspondentes arquetas para o seu óptimo funcionamento.
Mentres, os traballos para implantar a rede de saneamento supoñen a colocación de 1.470 metros de tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 110 metros de tubaxe de 250 milímetros de diámetro así como distintos pozos de rexistro prefabricados. Tamén se instalará un pozo de bombeo prefabricado que estará conectado á fosa séptica existente mediante unha canalización de 1.300 metros de tubaxe de 90 milímetros de diámetro. A eles engadiranse 110 metros máis de canles de 400 milímetros de diámetro para os sumidoiros e leitos de recollida de augas pluviais do Canedo.
Como as actuacións se van desenvolver na contorna da estrada N-550, chegando a cruzala en catro ocasións —para o que será necesario realizar distintas perforacións—, o contrato adxudicado tamén inclúe a reposición dos pavimentos e superficies afectadas por outros de semellantes características.