A Xunta pon en valor a combinación de tradición, innovación e sustentabilidade no comercio para seguir impulsando o consumo de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe en Ourense o establecemento de AO Domini, firma recoñecida co Premio Comercio Emprende 2024
Destacou a súa aposta pola artesanía de alta calidade no eido do interiorismo ou do téxtil, con produtos responsables en colaboración con diversos artesáns locais que se distribúen logo por todo o mundo
Enmarcou o galardón entregado a este negocio nos Premios do Comercio Galego que buscan poñer en valor o bo facer de todos os profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento da nosa Comunidade
Destacou iniciativas a prol do sector como os bonos Activa Comercio, que na provincia de Ourense conseguiron mobilizar na última edición máis de 3,3 millóns de euros en vendas
Ourense, 4 de xaneiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe en Ourense a tenda de AO Domini, negocio recoñecido co Premio Comercio Emprende 2024. Alí, destacou que se trata dunha aposta pola artesanía de alta calidade no eido do interiorismo ou do téxtil, combinando tradición, innovación e sustentabilidade nunha serie de produtos únicos que —segundo destacou— poden chegar a calquera recuncho do mundo.
Nese senso, Alén puxo en valor que AO Domini ofrece pezas de autor elaboradas por artistas locais cos que se colabora participando no proceso creativo e priorizando a exclusividade do produto e a sustentabilidade na produción, xa que se utilizan téxtiles recuperados. O proceso de traballo da firma consiste tamén en seleccionar e adquirir obxectos para encargos especiais de restaurantes, hoteis e proxectos de todo o mundo, ademais de en representar o traballo de moitos dos propios artistas e colaboradores, encargándose da distribución e comercialización da súa obra para estudos de interiorismo e tendas que buscan ofrecer pezas peculiares.
Segundo o director xeral, todas estas razóns fan esta proposta merecedora do Premio Comercio Emprende 2024, dentro dos Premios do Comercio Galego que buscan poñer en valor o bo facer de todos os profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento da nosa Comunidade.
Apoio ao comercio
O representante autonómico salientou a importancia do comercio na xeración de emprego e na dinamización das economías locais, algo que se reflicte —dixo— nos orzamentos deste ano para seguir potenciado o sector, así como no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se presentará neste primeiro trimestre incluíndo todas as ferramentas precisas para afrontar os retos de futuro deste eido produtivo.
Entre esas ferramentas, atópanse medidas como o proxecto Vilas Vivas —que iniciou en Ribadavia unha serie de eventos efémeros de dinamización comercial— ou os bonos Activa Comercio, que se ampliaron —lembrou— co gallo das festas do Nadal cun novo crédito de 2,5 millóns de euros que permitiron reactivar o consumo mobilizando preto de 11,5 millóns en vendas. No caso da provincia de Ourense, adheríronse máis dun milleiro de negocios que se beneficiaron de máis de 3,3 millóns mobilizados na sexta edición da iniciativa.