Sete comunidades de montes de Cerdedo-Cotobade reciben un total de 150.000 euros para rexeneración e mellora das masas consolidadas de frondosas autóctonas

O delegado territorial visitou unha das comunidades de montes beneficiadas no 2023 e anunciou algunhas das beneficiadas na convocatoria do 2024

Na área territorial de Pontevedra benefícianse da convocatoria do ano 2024 ata 23 comunidades de montes distintas, que recibirán un total de preto de 450.000 euros

Cerdedo-Cotobade(Pontevedra), 07 de xaneiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Comunidade de Montes de Aguasantas, no concello de Cerdedo-Cotobade. Esta foi unha das comunidades que recibiu unha das axudas da consellería de Medio Rural para a rexeneración e/ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a súa xestión forestal sustentable no ano 2023.

Grazas a esta achega de preto de 30.000 euros a comunidade puido levar a cabo “accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais”.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar as comunidades de montes beneficiadas pola convocatoria do ano 2024. Neste sentido, cabe destacar que no concello de Cerdedo-Cotobade beneficiáronse da última convocatoria destas axudas ata sete comunidades de montes distintas, ás que se lles concedeu unha achega total de máis de 150.000 euros. Ente elas, a comunidade de Corredoira; Carballedo; Santa María de Sacos; San Xurxo de Sacos, Viascón; Loureiro e Chamadoira.

No total da área territorial de Pontevedra estas axudas deixaron preto de 450.000 euros  distribuídos por 23 entidades.

O delegado territorial destacou a importancia destas axudas que “dotan de recursos a unhas comunidades de montes que levan a cabo un traballo cada vez máis necesario”. Neste sentido, Reguera quixo poñer en valor a necesidade de “seguir mantendo un monte limpo e preparado para diminuír todo o posible o risco de incendios e a súa agresividade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2025