A Xunta e a empresa Paudepedra colaboran para impulsar a formación profesional no eido da pedra

Román Rodríguez subliña o papel desta firma lucense como referente da cantería e a carpintaría, que colabora co ciclo de Pedra Natural

Paudepedra conta con 25 anos de experiencia e participación en proxectos relevantes como a Catedral de Santiago ou a Sagrada Familia de Barcelona

Lugo, 10 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe  Paudepedra, unha empresa lucense referente na cantería e carpintería.

Durante o percorrido polas instalacións, Román Rodríguez subliñou a colaboración entre a Xunta e Paudepedra para potenciar a Formación Profesional no ámbito da pedra, resaltando a súa contribución á formación práctica do alumnado e á transferencia de coñecemento. A empresa combina tecnoloxía de vangarda coa tradición artesanal dos mestres canteiros e carpinteiros, acumulando máis de 25 anos de experiencia e traballos destacados en proxectos como a Catedral de Santiago ou a Sagrada Familia.

O conselleiro tamén destacou a colaboración existente entre Paudepedra e o Ciclo Medio de Pedra Natural do IES Ribeira do Louro (O Porriño). Ademais, Román Rodríguez remarcou o obxectivo de formalizar un convenio que fomente a formación práctica e a adquisición de coñecementos en áreas como o corte, tallado, acabado e transformación de pedra, así como na xestión de materiais especiais. 

Formación adaptada ás necesidades

Román Rodríguez aproveitou a ocasión para poñer en valor a aposta da Xunta polo sector da pedra, reflectida no fortalecemento da Escola de Cantería de Galicia en Poio, que se integrou na Rede de Centros Integrados de Formación Profesional. Este centro, que ofrece agora catro novas titulacións, inclúe unha de alta especialización e adapta a súa oferta ás novas demandas do sector, especialmente no que respecta á tecnoloxía e ao tratamento innovador do material. 

Deste xeito, a Xunta reafirma o seu compromiso coa promoción da cantería como oficio, adaptando a oferta formativa ás necesidades do mercado laboral e impulsando itinerarios especializados que melloran a inserción profesional. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2025