O presidente da Xunta interveu na presentación do Convenio con Abanca para o Plan de patrocinio dos equipos galegos de Alta Competición
Alfonso Rueda destaca a importancia da colaboración público-privada nun momento de éxitos no deporte galego
Resalta que o deporte galego tamén forma parte da marca Galicia Calidade, proxectando unha imaxe de traballo e éxito ao exterior
Apunta a que a Xunta traballa para fomentar o talento e impulsar a excelencia no deporte mediante un conxunto de medidas entre as que salienta este Plan
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025
O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou a importancia da colaboración público-privada en Galicia á hora de acadar éxitos deportivos.
No acto de presentación do Convenio con ABANCA para o Plan de patrocinio dos equipos galegos de Alta Competición, no que tamén se premiaron aos 23 equipos que levan confiando no Plan de Patrocinio desde a primeira edición 2009/2010, o titular do Goberno galego agradeceu a ABANCA a súa implicación e compromiso apoiando ao deporte galego, sendo patrocinadores oficiais do Plan desde a tempada 2014/15, e prorrogando hoxe este acordo cinco anos máis por valor de 7M€.
Para o presidente da Xunta, este é un “exemplo práctico perfecto” dunha alianza e colaboración exitosa público-privada, que ademais de axudar á labor dos equipos da nosa Comunidade, contribúe a difundir máis aló das nosas fronteiras a imaxe e reputación dun sector con altos beneficios sociais e económicos. Segundo apuntou, para coidar o talento “fan falta recursos e investimentos”, e convenios como este son fundamentais, amosando que “as empresas potentes de Galicia confían na potencia de Galicia a través do deporte”.
Nas súas palabras, da marca Galicia Calidade e da súa proxección ao mundo tamén forma parte o deporte, “un dos mellores exemplos de que aquí as cousas se fan moi ben”, e os deportistas, acompañados por directivos e familia, cando adestran, compiten e axudan a outros a superar os seus límites, explotando o seu talento, medrando como persoas e engrandecendo a imaxe de Galicia. Neste sentido, Rueda lembrou o orgullo sentido cos logros acadados en París 2024 e cada vez que “un equipo galego ten éxito representándonos a todos”.
Así, o Goberno galego traballa para impulsar o talento e fomentar a excelencia no deporte mediante este Plan e outras medidas como o Bono Deporte, que en 2024 impulsou o deporte base cun investimento de 16 M€, ou as becas e axudas a deportistas, técnicos e árbitros. Búscase non só beneficiar aos deportistas de alto nivel, senón tamén ás categorías de base dos equipos patrocinados e ao deporte feminino en xeral. Neste sentido, Rueda apuntou aos grandes avances en materia de igualdade que se están dando para que cada vez máis mulleres estean na elite.
De cara ao próximo Xacobeo, o presidente da Xunta apuntou á intención de repetir a gran “acción publicitaria” no deporte que se levou a cabo durante a última edición.
Convenio con ABANCA
ABANCA estivo representada polo seu presidente Juan Carlos Escotet Rodríguez, que nas súas palabras mostrou o seu orgullo por reafirmar dez anos despois do primeiro convenio o compromiso de ABANCA coa práctica deportiva en Galicia. O presidente de ABANCA lembrou que o apoio á Fundación Deporte Galego, foi "unha das primeiras demostracións do noso efectivo compromiso con Galicia e que na década transcorrida, a nosa colaboración alcanzou a máis de 20.000 escolares, ao redor de 250 clubs e a máis de 30 disciplinas deportivas".