Medio Rural afonda na súa aposta polos pasteiros cun investimento de catro millóns de euros neste 2025
A conselleira María José Gómez realizou unha visita ao concello lucense de Sarria para comprobar os traballos realizados para a posta en marcha do pasteiro Goián-Sarria
Con este orzamento prevese actuar en 519 hectáreas para crear 26 pasteiros, dos cales oito se localizarán na provincia de Lugo
Trátase dunha boa ferramenta para favorecer a permanencia do tecido agrogandeiro das contornas rurais, xa que amplían a base territorial e a extensificación das súas producións
Sarria (Lugo), 15 de xaneiro de 2025
A Consellería do Medio Rural afondará na súa aposta polos pasteiros cun investimento de catro millóns de euros neste 2025. Así o salientou hoxe a titular do departamento, María José Gómez, nunha visita ao concello lucense de Sarria, onde comprobou os traballos realizados para a posta en marcha do pasteiro de Goián – Sarria.
Durante o seu percorrido pola zona, no que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira avanzou que neste 2025 se prevé actuar en 519 hectáreas para crear 26 pasteiros na nosa comunidade; dos cales oito se localizarán na provincia de Lugo.
As actuacións para poñer en marcha os pasteiros implican diversos labores como a implantación dun pasto herbáceo de calidade, mediante a corta e roza, o encalado, a sementeira ou o despregado, entre outros. Inclúen tamén outro tipo de accións como a instalación de peches perimentrais, pasos canadense ou a colocación de sistemas de retención e control para a xestión do gando.
María José Gómez referiuse aos pasteiros como “unha moi boa ferramenta” para favorecer a permanencia do tecido agrogandeiro das contornas rurais, xa que amplían a base territorial e a extensificación das súas producións. Ademais, contribúen a protexen os montes fronte aos lumes forestais e favorecen a biodiversidade ao rachar a continuidade de mato e arboredo. Tamén incrementan de xeito considerable o benestar dos animais polo seu maior acceso ao pastoreo, explicou a conselleira.
Dende o ano 2020 o Plan de Pastos deseñado por este departamento permitiu actuar en máis de 1.930 hectáreas e 80 pasteiros, cun investimento que rolda os 10,5 millóns de euros.