Medio Rural colabora co certame `Santiago (é) Tapas´ para promocionar os produtos alimentarios galegos con selo de calidade diferenciada

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación deste concurso que celebrará a súa 16ª edición do 13 de febreiro ao 5 de marzo

A Axencia colabora con este evento a través da entrega de lotes de produtos de calidade diferenciada aos 44 establecementos de hostalaría e restauración que participan, co obxectivo de promocionalos entre os sector

Ademais, na gala de entrega de premios, que terá lugar o 11 de marzo, servirase un menú elaborado con produtos amparados por algún destes distintivos

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025

A Consellería do Medio Rural colabora, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, coa celebración da XVI edición do concurso Santiago (é) Tapas, que se desenvolverá do 13 de febreiro ao 5 de marzo coa participación de 44 establecementos de hostalaría e restauración de cidade compostelá. O director da Axencia, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación deste certame na Praza de Abastos de Santiago.

Con esta iniciativa, promovida polo Concello de Santiago de Compostela, a Consellería do Medio Rural busca promocionar os produtos alimentarios galegos amparados por selos de calidade diferenciada entre a hostalaría. Neste sentido, entregaranse lotes destes produtos entre os participantes deste concurso para favorecer a súa promoción.

Ademais, na gala de entrega de premios que terá lugar o 11 de marzo, servirase un menú elaborado con produtos amparados por algún dos selos de calidade cos que conta Galicia, que son un total de 38 entre as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica.

O concurso, como en anteriores ocasións, contará con varias rutas polos establecementos participantes e con premios ás mellores tapas. A maiores, nesta edición refórzase unha etapa e un galardón especial á máis doce para incentivar a participación dentro do concurso de establecementos que traballan con almorzos e merendas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2025