O incremento do nivel de risco de influenza aviaria implica unha maior prevención tamén en Galicia

As medidas adoptadas consonte ao establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación entrarán en vigor o 20 de xaneiro e afectan a varios concellos da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025

Galicia, ao igual que toda España, atópase no nivel alto de alerta por gripe aviar. Así o indicou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que vén de actualizar a situación epidemiolóxica da influenza aviaria en España debido ao aumento rexistrado nos últimos meses de focos desta enfermidade en Europa, tanto en aves domésticas como silvestres. Neste sentido, xunto cos movementos migratorios de aves silvestres, á aparición de casos en Francia e Portugal e ás baixas temperaturas que facilitan a supervivencia do virus no medio ambiente, determina un aumento no nivel de risco a nivel nacional.

Co obxectivo de evitar a aparición de focos de influenza aviaria de alta patoxeneidade (IAAP) adoptáronse medidas de mitigación do risco en toda España. As restricións entrarán en vigor o vindeiro 20 de xaneiro e afectarán aos concellos que se atopan dentro das zonas de especial risco (ZER) e zonas de especial vixilancia (ZEV).

As medidas de prevención que se deben adoptar nos sete concellos galegos que pertencen á zona ZER (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa, todos eles na provincia de Pontevedra) pasan, entre outras, pola prohibición da cría de aves de curral ao aire libre; agás que non sexa posible, en cuxo caso será necesaria a utilización de dispositivos como teas paxareiras que impidan a entrada das aves silvestres nas instalacións, nas que obrigatoriamente se alimentará e proporcionará auga ás aves domésticas.

Prohíbese tamén dar auga procedente de depósitos aos que poidan ter acceso as aves silvestres e a suspensión de concentracións, como mercados ou exhibicións de calquera tipo de aves. Esta última será tamén a única prohibición que se aplicará nos concellos das zonas ZEV: Ortigueira, Cariño, Rianxo, Ribeira, Porto do Son, Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, Vilar de Santos, Sandiás, Porqueira, Xinzo de Limia, Rairiz de Veiga, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Moaña, Vilaboa, Marín, Vilagarcía de Arousa, Meis, e Poio.

Todas estas medidas poderán ser obxecto de revisión nas próximas semanas, en función da evolución da situación epidemiolóxica. Aínda que para o resto dos concellos no se ditan medidas específicas, en todo o territorio é importante reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, tanto as de carácter industrial como as particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto coas aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Data de actualización: 17/01/2025