Extinguidos de madrugada dous incendios forestais no concello ourensán de Muíños e no pontevedrés de Arbo
O lume de Muíños afectou 2 hectáreas de monte raso na parroquia de Requiás, todas elas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés
O incendio de Arbo rexistrouse na parroquia de Cabeiras e, segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de arredor de 20 hectáreas, tamén de raso
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2025
A Consellería do Medio Rural informa de dous incendios forestais, extinguidos de madrugada, que afectaron o concello ourensán de Muíños e o pontevedrés de Arbo.
Muíños-Requiás
O lume de Muíños iniciouse ás 22.34 horas de onte sábado e deuse por extinguido pasadas as 00.00 horas de hoxe domingo. Afectou 2 hectáreas de monte raso dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 1 axente, 3 brigadas e 1 motobomba.
Arbo-Cabeiras
O incendio de Arbo tivo lugar na parroquia de Cabeiras. Iniciouse ás 19.20 horas de onte e quedou extinguido ás 03.30 horas de hoxe domingo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectou arredor de 20 hectáreas, todas elas de monte raso. Mobilizou, para a súa extinción, 5 axentes, 10 brigadas e 4 motobombas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.