O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o ano 2025

A Xunta publica a convocatoria de axudas para as áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2025 cun investimento de 1 M€

En concreto, para a ARI dos Camiños a dotación será de 800.000 euros, e no caso da Ribeira Sacra de 200.000 euros

O investimento da Xunta nestas axudas superou os 7,5 millóns de euros ata o 2024

Os propietarios e comunidades de veciños interesados nesta convocatoria poden presentar as súas solicitudes desde o 27 de xaneiro e ata o vindeiro día 27 de febreiro

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de publicar hoxe a nova convocatoria de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais nas Áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2025, ás que se destinará un investimento total de 1.000.000€.  En concreto, para a ARI dos Camiños a dotación será de 800.000 euros, e no caso da Ribeira Sacra de 200.000 euros.

Dende o ano 2021 realizáronse 701 concesións de axuda, que permitiron a renovación ou rehabilitación de preto de 1.700 vivendas en ambas as dúas áreas. O importe das axudas concedidas superou os 7,5 millóns de euros ata o 2024.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destes incentivos e solicitudes poderán presentarse a partir do 27 de xaneiro ata o 27 de febreiro.

Beneficiarios das actuacións

No ámbito das dúas ARI supramunicipais poderán solicitar as axudas as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades, as agrupacións de persoas propietarias e os propietarios ou usufrutuarios de edificios ou vivendas, que estean en posesión da calificación definitiva das obras realizadas.

A contía das axudas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo das axudas poderá acadar os 30.000 euros.

Data de actualización: 20/01/2025