A Xunta ten aberto ata o próximo 17 de febreiro o prazo de solicitude das axudas do Plan de acción comunitaria para asociacións veciñais
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá en Ortigueira as actuacións levadas a cabo polas AA.VV. Abrago e San Julián de Barbos e Mosteiro de Ortigueira con cargo á convocatoria de 2024
Avanza que este ano o orzamento da orde se incrementa ata os 4M€, un millón máis que o ano pasado
Ortigueira (A Coruña), 20 de xaneiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao municipio de Ortigueira para supervisar xunto ao alcalde da localidade, Valentín Calvín, o resultado das actuacións levadas a cabo nas asociacións veciñais Abrago, de Ponte de Mera, e San Julián de Barbos e Mosteiro de Ortigueira, con cargo ás axudas do Plan específico de acción comunitaria do pasado ano. Este programa que ten aberto o prazo de solicitude da convocatoria de 2025 ata o 17 de febreiro, está destinado ás asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños), comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais para a realización de obras nos locais sociais, adquisición de mobiliario e equipamento e reparación de captacións e traídas de auga, no caso das comunidades de usuarios de augas.
Durante a visita, a delegada puido comprobar o novo mobiliario incorporado pola A.VV. Abrago grazas a unha achega autonómica de 5.000 euros recibida o pasado ano, así como a nova sala de usos múltiples construída pola a A.VV. San Julián de Barbos e Mosteiro de Ortigueira que se viu beneficiada dunha axuda de 11.737 euros para este fin.
Aneiros explicou que a convocatoria deste ano conta con 4 M€ de orzamento, un máis que o pasado ano, o que supón un incremento do 33,3% co que o Goberno galego pretende recoñecer o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños, especialmente en zonas rurais como a do Ortegal.
Lembrou que, como todos os anos, a orde conta con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de augas comunitarias, dotada de 3,4 M€ e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica que conta con outros 600.000 euros de orzamento.
No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas explicou que poderá actuarse en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinados a reducir perdas de auga e en outros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética da traída.
A delegada lembrou que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 para a dotación de equipamentos.
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta e as asociacións deberán estar inscritas no rexistro de entidades de Galicia ou no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de conca como titulares de aproveitamento de augas no caso das comunidades de usuarios de augas.