A conselleira do Medio Rural reafirma o compromiso da Xunta co sector vitivinícola nunha visita a un viñedo en Caldas de Reis
María José Gómez destacou que hoxe precisamente o Consello do Goberno galego deu luz verde a unha achega de 3,1 millóns de euros correspondentes á convocatoria de 2024 das axudas para reestruturación e reconversión de viñedos
A titular de Medio Rural visitou os terreos dunha empresa que recibiu estas achegas e lembrou que o total de beneficiarios na última convocatoria é de 172, con actuacións en 237 hectáreas
Lembrou que estas subvencións súmanse a outras moitas coas que se presta apoio ao eido vitivinícola, tales como as de recollida de uva, para elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou as específicas para a Ribeira Sacra
Caldas de Reis (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou esta tarde a importancia da achega de 3,1 millóns de euros das axudas para reestruturación e reconversión de viñedos que precisamente hoxe aprobou o Consello da Xunta, correspondentes á convocatoria de 2024.
Segundo Gómez, estas axudas teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e avanzar na súa sustentabilidade. Por iso, concédense para favorecer a replantación de viñedos, a reconversión varietal e a mellora da competitividade das explotacións vitícolas, facéndoas máis rendibles e potenciando un eido estratéxico dentro do sector agroalimentario galego, como é do viño.
A conselleira, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe en Caldas de Reis unha plantación de viñedo xestionada por Mareque García Viticultores, unha empresa que foi beneficiaria de diferentes axudas da Xunta, entre elas as destinadas a apoiar a reestruturación e reconversión destes cultivos. En concreto, percibiu algo máis de 59.000 euros por este concepto, así como tamén outros fondos xestionados pola Consellería do Medio Rural para adquisición de maquinaria e equipos.
Beneficiarios e superficie
Neste contexto, María José Gómez sinalou que o total de beneficiarios por estas achegas na última convocatoria é de 172, con actuacións en 237 hectáreas. No conxunto do período 2018-2024, destináronse preto de 17 millóns de euros a estas axudas, aprobándose un total de 1.083 expedientes para actuar nunha superficie de 1.518 hectáreas. A conselleira subliñou que, en termos xerais, a provincia de Pontevedra é a máis beneficiada por estes fondos, seguida moi de preto por Ourense.
Ademais, a visita Gómez indicou que estas axudas para reconversión súmanse a outras moitas coas que se presta apoio ao eido vitivinícola desde a Xunta, tales como as destinadas a financiar a recollida de uva (xestionadas polo Igape), cunha achega de 2 millóns de euros na última convocatoria, as orientadas a impulsar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou as específicas para a Ribeira Sacra, tanto para destilación de crise como para conservación da contorna paisaxística ou as relativas ao ecorrexime da PAC de cultivos leñosos en terreos con pendente.
Con todo isto, concluíu Gómez, demóstrase que “o noso compromiso co sector do viño é claro e evidente”, e “seguiremos traballando nesta liña no futuro”, aseverou.