O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina

Román Rodríguez sinala como exemplo da investigación excelente o CINBIO, ao que a Xunta destina máis de 6 M€

Este centro, pertencente a Rede CIGUS, vén de recibir máis de 1,4M€ para a adquisición de material científico e reforma das súas instalacións

Conta con 171 investigadores, dos que o 15% son estranxeiros, cuxo traballo dá lugar xa a tres ‘spin-off’ e 26 patentes

Vigo, 21 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliño hoxe o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e o seu potencial científico como un “exemplo da investigación excelente en Galicia”. Este é un dos 10 centros que conforman a Rede CIGUS da Xunta de Galicia, a que aglutina os centros de investigación máis destacados das universidades públicas galegas.

No percorrido polas instalacións co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o conselleiro puxo en valor o compromiso do Goberno galego con este centro ao que leva achegado máis de 6,3M€ nos últimos anos. Acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, tamén quixo sinalar a disposición da Consellería para “atender as necesidades do CINBIO, así como de todos os centros de investigación das nosas universidades, en liña coa aposta da Xunta por impulsar e reforzar a ciencia galega”.

Recentemente o CINBIO vén de acometer unha serie de reformas nas súas instalacións e de adquirir material científico de última xeración para o desenvolvemento da súa actividade cunha inxección de máis de 1,4M€ a través de convenios coa Xunta en materia de I+D+i e de equipamento. Ademais, a través das convocatorias de axudas para centros de excelencia, o Goberno autonómico xa achegou preto de 5M€ a este centro para os seus gastos de funcionamento e asegurar así a súa actividade investigadora. 

O CINBIO centra a súa axenda científica na área dos nanomateriais, no estudo da aplicación de propiedades ópticas, magnéticas, catalíticas, térmicas e de transporte en diferentes nanomateriais e sistemas. No que respecta á biomedicina, as liñas prioritarias de investigación inclúen o estudo de biomarcadores, terapias avanzadas e as bases moleculares das enfermidades, co obxectivo de deseñar novas terapias e tratamentos que aproveiten o potencial da nanotecnoloxía. 

Células tumorais en impresión 3D

Para este traballo de investigación, este centro da UVigo conta con 171 investigadores, dos que o 15% son estranxeiros. O seu traballo logrou materializarse xa en tres spin-off e 26 patentes. Entre os seus científicos destaca a incorporación recente do profesor Luis M. Liz, un referente internacional no eido da biomedicina e que está a liderar un proxecto no que se emprega a impresión 3D para construír unha estrutura na que poidan crecer células tumorais co obxectivo final de que os resultados obtidos permitan avanzar cara unha medicina personalizada.

Ademais, as axudas dos centros de excelencia da Xunta permitiron captar tres investigadores: un de ETH Zúrich, outro de Israel e un último de Canadá, os que están en proceso de estabilización na UVigo. Entre outros aspectos, a traxectoria excelente deste centro queda reflectida tamén nas máis de 600 publicacións que se realizaron no período 2020-23, o 58% delas en coautoría internacional, ou os 16,5M€ captados en proxectos competitivos internacionais nese mesmo período.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2025