A Xunta visibiliza en Croacia o papel de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025
Zabok (Croacia), 22 de xaneiro de 2025
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asiste hoxe en representación de Galicia á convención Zagorje 2025: Regional Investment Summit, unha cumbre organizada pola provincia croata de Krapina Zagorje, que comparte coa Comunidade galega e coa rexión polaca de Mazovia o recoñecemento a Rexión Emprendedora Europea 2025, un galardón que recoñece o esforzo e as estratexias innovadoras de impulso do emprendemento postas en marcha polas diferentes rexións da Unión Europea.
Marta Mariño subliñou a importancia desta convención —á que tamén asistiu o presidente de Croacia, Zoran Milanović— como un foro de intercambio de boas prácticas, indicando que o diálogo entre rexións recoñecidas pola súa excelencia en emprendemento é clave para seguir avanzando no desenvolvemento do potencial do territorio como un elemento dinamizador da economía e do mercado laboral, aspecto no que coinciden, ao igual que Galicia, o resto de rexións premiadas. Así mesmo, Mariño puxo en valor que a cita é unha oportunidade para visibilizar a Comunidade galega como unha terra de oportunidades e poñer en valor o traballo impulsado polo Goberno autonómico a prol do emprendemento ligado ao territorio, a través de iniciativas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 centros activos na actualidade que levan atendido máis de 3.000 iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha en 2022.