María José Gómez destaca a excelencia dos produtos agroalimentarios e a gastronomía galega na feira internacional de turismo Fitur

 A conselleira do Medio Rural visitou hoxe o evento, que se está a celebrar en Madrid, onde destacou que Galicia é a terceira comunidade autónoma de España en selos de calidade (36 en total)

Ademais, salientou o papel dos produtores agroalimentarios galegos a prol de dinamizar as áreas rurais nas que desenvolven o seu traballo, xa que xeran riqueza e emprego, ao mesmo tempo que contribúen a fixar poboación 

Madrid, 22 de xaneiro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a Feira Internacional de Turismo Fitur 2025, que se está a celebrar en Madrid, onde destacou a excelencia dos produtos agroalimentarios e da gastronomía galega que, ao mesmo tempo, é un dos maiores reclamos turísticos da nosa comunidade.

No marco desta feira, a titular de Medio Rural tamén salientou o relevante papel de Galicia en canto a selos de calidade, xa que somos a terceira comunidade autónoma de España con maior número destes distintivos, cun total de 36 entre as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Ademais, María José Gómez afirmou que unha das prioridades da Consellería do Medio Rural é a promoción e a posta en valor dos produtos agroalimentarios amparados baixo un distintivo de calidade diferenciada. Por iso, neste mesmo ano impúlsase o Plan Saborea calidade diferenciada de Galicia, co que se busca promocionar este tipo de alimentos a través de diferentes actuacións como a presenza en feiras nacionais e internacionais ou a organización de multitude de eventos.

Neste sentido, a conselleira do Medio Rural puxo en valor o labor dos produtores agroalimentarios galegos, xa que dinamizan as áreas rurais nas que desenvolven o seu traballo e xeran tanto riqueza como emprego, ao mesmo tempo que contribúen a fixar poboación nestas contornas. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2025