A Xunta aposta pola colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal para reivindicar a mellora das conexións ferroviarias entre ambos territorios
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, recibiu esta semana a representantes da Asociación Española del Transporte, que lle presentaron un estudo sobre os tráficos portuarios en Galicia e o Norte de Portugal
O documento constata o potencial dos portos das dúas rexións marítimas para liderar o mercado na fronte atlántica europea
A Xunta xa traballa no marco da Eurorrexión Galicia-Norte Portugal na defensa dos intereses comúns da cidadanía a ambos lados da ‘raia’ en ámbitos como as demandas das infraestruturas ferroviarias prioritarias
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, recibiu esta semana a representantes da Asociación Española del Transporte (AET), que lle presentaron o Estudo comparativo dos tráficos portuarios de Galicia e Norte de Portugal, no que se acredita o potencial de ambas rexións marítimas para liderar o comercio marítimo europeo. Por iso, o informe recolle a importancia de colaboración entre os dous territorios co obxectivo de consolidar esta posición e impulsar novas oportunidades de crecemento económico.
Nesta liña, a Xunta vén traballando desde hai anos coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte) no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para reivindicar as medidas necesarias para mellorar a calidade de vida da cidadanía a ambos lados da fronteira. En materia de infraestruturas, destaca a conexión de alta de velocidade entre Galicia e Portugal como acción preeminente, que o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal para que concrete prazos e investimentos cun proxecto que permita axilizar a saída sur de Vigo e executar a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas, esencial para o futuro do porto vigués.
No que se refire á competitividade dos portos galegos, a Xunta tamén ten reclamado concrecións sobre proxectos como o acceso sur do Porto Exterior da Coruña ou a conexión da rede portuaria interior de Ferrol coa estación de ferrocarril da cidade. Ademais, o Goberno galego leva esixindo hai meses concrecións ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible sobre o Plan director Corredor Atlántico Noroeste, considerado pola Administración autonómica como unha rede estratéxica no que se refire a infraestruturas para ferrocarril de mercadorías.
Asociación Española do Transporte
A Asociación Española do Transporte está formada por profesionais e organizacións de todos os ámbitos do transporte co obxectivo de promover o coñecemento, a investigación, a modernización e a profesionalización do sector. Na reunión coa directora xeral de Mobilidade participaron o presidente da asociación, Juan Manuel Martínez; xunto co secretario da entidade, o delegado en Galicia Norte e o delegado en Galicia sur e coordinador do grupo de traballo de transporte marítimo.