A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe as instalacións do organismo en Santiago

A Xunta pon en valor MeteoGalicia e os protocolos que aplica para garantir que a comunidade estea mellor preparada ante os efectos dos eventos adversos

Ángeles Vázquez explica que cun cadro de persoal integrado por 25 persoas, o organismo meteorolóxico autonómico ofrece o seu servizo os 365 días ao ano e apóiase nunha rede de arredor de 160 estacións de medición e 46 de calidade do aire

Reinvindica a capacidade técnica e profesional de MeteoGalicia para poder asumir as competencias neste eido que reclama o Goberno autonómico para evitar “duplicidades” e sobre todo, garantir o mellor servizo á cidadanía

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o papel de MeteoGalicia así como os distintos protocolos e programas punteiros que utiliza no desenvolvemento das súas funcións para contribuír a que a Comunidade estea mellora preparada ante posibles fenómenos meteorolóxicos adversos e reforce, á vez, a súa capacidade de adaptación aos efectos do cambio climático.

Durante unha visita á sede da entidade en Santiago, a responsable autonómica sinalou a importancia de que a cidadanía coñeza máis de preto as ferramentas nas que se apoian e o labor que realizan “os 365 días do ano” os 25 profesionais que traballan neste organismo e aos que prestan os seus coñecementos en eidos diferentes pero complementarios como a física, as ciencias ambientais, as matemáticas ou a xeografía.

Neste sentido, Ángeles Vázquez referiuse ao sistema MeteoAlerta, que se encarga de fixar os limiares por riba dos que se deben activar os diferentes niveis de avisos en cada unha das 17 zonas nas que se divide a Comunidade, ou a súa participación no chamado modelo Merlin, un sistema desenvolvido por Augas de Galicia para poder prever posibles desbordamentos nos ríos da conca hidrográfica Galicia-Costa e que toma como base as predicións realizadas polo servizo meteorolóxico autonómico.

Así mesmo, recordou que MeteoGalicia se apoia nunha completa e moderna rede de infraestruturas en continua actualización e que consta, a día de hoxe, de arredor de 160 estacións meteorolóxicas (fronte ás 50 que ten a Axencia Estatal de Meteoroloxía na Comunidade) ás que hai que sumar 46 estacións de calidade do aire, unha completa rede de detección de raios, un equipo de radiosondaxe ou o radar meteorolóxico de Cuntis, dotado con tecnoloxía de última xeración.

Ademais, a responsable autonómica incidiu na aposta que está a realizar o organismo meteorolóxico por incorporar este ano a intelixencia artificial nos seus procedementos a través do programa PIMA eventos adversos co fin de axilizar os tempos de resposta ante episodios extremos e poder ofrecer respostas cunha maior anticipación.

A modo de exemplo, explicou que grazas á aplicación da IA, fenómenos como a cicloxénese explosiva que vai cara a Irlanda e se prevé que afecte á Comunidade durante a xornada de mañá, permitirán “aprender” aos modelos que utiliza MeteoGalicia para mellorar os seus prognósticos e responder de forma máis axeitada aos posibles efectos derivados deste tipo de situacións.

Por todo o exposto, a conselleira reivindicou a capacidade técnica e profesional do cadro de persoal que integra MeteoGalicia para poder asumir as competencias neste eido e as alertas meteorolóxicas que a Xunta leva tempo reclamando ao Goberno central, unha demanda que se plasmou recentemente nunha solicitude formal de transferencia.

“A Aemet desenvolve un gran labor pero MeteoGalicia tamén ofrece un servizo magnífico e que ten demostrado estar á altura”, declarou a conselleira, que engadiu que o obxectivo da Xunta con esta reclamación competencial é “evitar duplicidades” e garantir que a cidadanía “reciba o mellor servizo posible”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2025