Eugenia Pérez destaca o impulso á orientación a través do Plan FPGal360 da Xunta para acompañar á cidadanía na súa traxectoria académica e profesional
A directora xeral de FP participa nas Xornadas de orientación ao emprego organizadas polo Instituto IES de Teis, en Vigo
Vigo, 28 de xaneiro de 2025
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliñou hoxe o impulso da orientación profesional a través do Plan FPGal 360, a folla de ruta do Goberno galego dotada con 60 accións específicas dirixidas a atallar o abandono escolar temperá, impulsar a igualdade de oportunidades e mellorar a inserción laboral. O plan contempla a orientación como un elemento clave para favorecer o desenvolvemento persoal e profesional dos cidadáns.
A representante da Consellería de Educación participou nas XXV Xornadas de orientación ao emprego organizadas polo Instituto IES de Teis, en Vigo, a través das cales se ofrece asesoramento aos alumnos nas distintas saídas laborais tras rematar os seus estudos de FP.
Nesta liña, Eugenia Pérez aproveitou a súa intervención no encontro para explicar que un dos tres eixos cos que conta o Plan FPGal360 céntrase precisamente en impulsar un sistema de orientación profesional e vocacional como clave para garantir unha inserción laboral efectiva así como para aliñar as expectativas do alumnado coas demandas do mercado laboral.
A directora xeral de FP referiuse tamén á creación do OPI Orienta, unha ferramenta tecnolóxica de orientación profesional interactiva, que se nutre da intelixencia artificial para axudar no deseño de itinerarios formativos propios e no acceso á información sobre as distintas saídas profesionais e que será “de grande interese” para os departamentos de orientación, alumnos e empresas.