A Xunta publica a relación provisional das listas de selección temporal de enfermería e de técnicos en coidados auxiliares de enfermería
Resultaron admitidas 29.360 inscricións, maioritariamente, en técnico en coidados auxiliares de enfermería, un total de 15.022
Un total de 13.259 persoas foron admitidas na categoría de enfermería do Servizo Galego de Saúde e 1.079 na da enfermería da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061
Contabilizáronse 2.000 novas inscricións con respecto ao anterior proceso
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal das categorías de persoal estatutario de enfermeiro, enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE).
En total rexistráronse 29.619 inscricións a este proceso, resultando admitidas 29.360 persoas. En concreto, 13.259 foron admitidas na categoría de enfermeiro; 1.079 en enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061; e 15.022 en técnico en coidados auxiliares de enfermería.
O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 2.029. Por categorías, rexistráronse 831 novas inscricións en enfermeiro; 67 en enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061; e 1.131 en técnico en coidados auxiliares de enfermería.
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Os interesados poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, é dicir, ata o 12 de febreiro.