O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou hoxe as novas instalacións deste punto de atención
A Xunta pon en valor a apertura dun novo servizo de asesoramento a persoas migrantes en Sanxenxo
Este novo punto de atención forma parte do programa Gadea que conta cunha achega do Executivo galego de preto de 100.000 euros con cargo ao 0,7% do IRPF
Sanxenxo (Pontevedra), 29 de xaneiro de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, visitou as instalacións do novo punto de atención e asesoramento a persoas migrantes no concello de Sanxenxo. Este servizo está xestionado pola entidade social ACCEM e enmárcase dentro do proxecto Gadea.
Este programa está destinado á atención das persoas migrantes e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. A Xunta de Galicia destina este ano 97.926 euros da convocatoria de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. En concreto, neste último exercicio aumentou un 30% a contía da axuda o que permite crear este novo punto de asesoramento xurídico social e de acompañamento nas xestións e trámites administrativos.
Neste sentido, o director xeral agradeceu o traballo de ACCEM e do concello de Sanxenxo para desenvolver este programa que permite aos usuarios acceder a diferentes programas de inserción sociolaboral e facilita a súa inclusión social. Así, lembrou que a Xunta de Galicia destinou este ano máis de 600.000 euros a esta entidade social a través da orde do IRPF e trasladoulle o compromiso do Executivo galego de seguir apoiando as iniciativas que permitan mellorar a vida das persoas máis vulnerables.
No encontro, Arturo Parrado enxalzou o compromiso do concello de Sanxenxo coa atención ás persoas migrantes e a súa inserción sociolaboral. Así mesmo, lembrou a importancia da coordinación entre as administración e a entidade social Accem para mellorar a vida das persoas máis vulnerables.