A Xunta destina algo máis de 156.000 euros á mellora de varios camiños rurais en San Sadurniño ao abeiro das últimas convocatorias do Plan Marco

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá as actuacións de acondicionamento do firme acometidas en dúas vías da parroquia de Naraío

A Xunta destina este ano máis dun millón de euros en axudas a 18 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no marco deste programa da Consellería do Medio Rural

San Sadurniño (A Coruña), 30 de xaneiro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de San Sadurniño, Secundino García, supervisou esta mañá as obras de pavimentación acometidas en dous camiños rurais na parroquia de Naraío, incluídas no Plan de mellora de camiños rurais, Plan Marco, que nas dúas últimas convocatorias deixou axudas no municipio por algo máis de 156.000 euros.

Concretamente a responsable autonómica visitou os camiños da Abelleira e Racamonde, na parroquia de Naraío onde se procedeu a aplicación dunha capa de rego asfáltico para mellorar o firme grazas a unha axuda de preto de 73.000 euros da convocatoria 2023-2024.

Acometeuse tamén o acondicionamento dos camiños de Pena da Meda, O Couce e O Cando, na parroquia de Igrexafeita; e A Curuxa e Rupiallo, en San Sadurniño, neste caso con cargo a unha achega autonómica de 83.237 euros da convocatoria do Plan Marco 2024-2025.

A delegada territorial lembrou que o obxectivo deste plan é o de mellorar as condicións de vida e traballo nesta contorna a través do fortalecemento das infraestruturas viarias o que facilita a accesibilidade, reforza o tecido social, incrementa a capacidade organizativa das áreas rurais e axuda a fixar poboación. Ademais apuntou que estas axudas promoven a implantación e reforzo dos servizos demandados pola poboación e o tránsito de vehículos e maquinaria, o que redunda nunha maior axilidade dos traballos agrarios e no mantemento e bo estado da propia maquinaria.

A Xunta destina este ano máis dun millón de euros a 18 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para actuacións realizadas ao abeiro deste programa da Consellería do Medio Rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2025