Medio Rural pon en valor as axudas para plans de mellora e remuda xeracional nunha visita a unha granxa en Láncara que foi beneficiaria destas achegas
Esta explotación ten concedida unha axuda de 340.000 € por plan de mellora e por incorporación de persoas mozas na convocatoria de 2024, que sumada ás xa recibidas con anterioridade supoñen máis de 474.000 € en achegas nos últimos cinco anos
A conselleira María José Gómez salientou que esta é unha das liñas máis importantes do seu departamento e lembrou que onte mesmo se publicou no DOG a resolución da convocatoria correspondente ao 2024, dotada con arredor de 45,9 millóns de euros
Estes fondos propiciarán a mellora de 370 explotacións e apoiarán a incorporación de 320 mozos (menores de 40 anos) e de 133 novos agricultores (de 41 a 55 anos de idade)
No período 2016-2024 aprobáronse máis de 9.000 expedientes, por un importe que supera os 369 millóns de euros en axudas
Láncara (Lugo), 30 de xaneiro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor as axudas do seu departamento para impulsar plans de mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional no agro. Foi durante unha visita á Gandaría de vacún de leite Barreal Augalevada SC, situada no concello lucense de Láncara e que foi beneficiaria destas achegas. En concreto, esta explotación ten concedida unha axuda de 340.000 euros por plan de mellora e incorporación de persoas mozas na convocatoria de 2024, que sumada ás xa recibidas con anterioridade supoñen máis de 474.000 euros en achegas nos últimos cinco anos.
A conselleira, que estivo acompañada nesta visita polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, salientou que estas achegas constitúen unha das liñas máis importantes de Medio Rural e lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria correspondente ao 2024, dotada con arredor de 45,9 millóns de euros.
Estes fondos propiciarán a mellora de 370 explotacións e apoiarán a incorporación de 320 mozos (menores de 40 anos) e de 133 novos agricultores (de 41 a 55 anos de idade). A conselleira destacou que se trata, polo tanto, de máis de 800 expedientes en total. Sinalou ademais que, por provincias, en termos xerais Lugo segue sendo a máis beneficiada por estas achegas e que, por sectores, a maior parte dos fondos e dos expedientes aprobados corresponden ao vacún de leite e de carne, seguidos dos doutras orientacións gandeiras e, en menor medida, de producións vexetais.
Novidades da convocatoria de 2024
Así mesmo, a conselleira subliñou algunhas novidades desta convocatoria, como son as achegas para fomentar a incorporación de novos agricultores de 41 a 55 anos, que non existían anteriormente, así como o feito de que as subvencións para plans de mellora se dividan en dúas. Por un lado, as destinadas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático, uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal e, por outro, aquelas orientadas a financiar investimentos en modernización ou mellora das explotacións.
Neste sentido, Gómez subliñou que “apostamos por gandarías en primeiro lugar produtivas, economicamente sustentables, pero tamén mediambientalmente sostibles e acordes ás novas políticas que se veñen implantando dende a Unión Europea”.
Polo tanto, engadiu a conselleira, mediante estas axudas se facilita tamén o compromiso ambiental da nova PAC, ao tempo que se continúa apoiando as explotacións á hora de financiar todo tipo de investimentos, como a construción e a reforma de inmobles, a compra de maquinaria nova etc. Nesta mesma liña, cómpre poñer de relevo que no período 2016-2024 aprobáronse máis de 9.000 expedientes, por un importe que supera os 369 millóns de euros en axudas.