A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou esta mañá o encoro de Cachamuíña e participou nunha solta de aves co gallo do Día Mundial dos Humidais
A Xunta destaca o papel das zonas húmidas para preservar a biodiversidade galega e aposta por fomentar o seu valor como refuxio climático natural
Tras lembrar que en 2025 se conmemora a efeméride baixo o lema ‘Protexer os humidais para o noso futuro común’, Ángeles Vázquez anima a crear conciencia colectiva sobre a importancia destes espazos para o medio ambiente e o planeta
Galicia conta con 646 zonas húmidas, que suman un total de 45.141 hectáreas, das cales seis están incluídos na lista internacional Ramsar polo seu interese ecolóxico
O Pereiro de Aguiar (Ourense), 2 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia destaca o papel das zonas húmidas existentes na Comunidade para preservar a biodiversidade e o medio ambiente e aposta por potenciar o seu valor como refuxio climático natural á disposición de veciños e visitantes.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao encoro de Cachamuíña, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, coincidindo co Día Mundial dos Humidais.
Tras salientar que en 2025 o lema co se conmemora esta efeméride a nivel internacional é Protexer os humidais para o noso futuro común, a responsable autonómica incidiu na necesidade de traballar para crear entre todos, administracións públicas, entidades e sociedade en xeral, unha conciencia colectiva sobre a transcendencia deste tipo de espazos naturais para conservar a biodiversidade, o medio ambiente e o planeta.
Na mesma liña, explicou que lugares como o que visitou hoxe constitúen o hábitat natural para moitas especies que dependen deste medio para sobrevivir, como por exemplo os anfibios, especies especialmente sensibles ao cambio climático, ou as aves acuáticas, que desenvolven neste tipo de espazos o seu ciclo vital.
Galicia conta actualmente con 646 zonas húmidas, que suman un total de 45.141 hectáreas. Delas destacan especialmente os seis espazos incluídos na lista Ramsar, un rexistro internacional que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e para a conservación da biodiversidade.
Son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; lagoa e areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, seis espazos que converten a Galicia na cuarta comunidade española con máis humidais incluídos nesta listaxe.
Por último, a conselleira incidiu no papel esencial que xogan estes ecosistemas para o mantemento da vida en xeral, subliñando a importancia de preservar os recursos hídricos e evitar o seu deterioro por ameazas como poden ser o cambio climático, polo que existe a convención a nivel internacional de que a restauración das zonas húmidas terrestres debe ser unha prioridade para garantir un futuro sostible.
Solta de aves en Nogueira de Ramuín
Posteriormente, Ángeles Vázquez desprazouse ata o concello limítrofe de Nogueira de Ramuín, para participar nunha solta de catro aves rapaces —dous cárabos, un gavilán e un falcón peregrino— e mais unha comadrexa que pasaran unha tempada polo Centro de recuperación da fauna silvestre do Rodicio. Neste acto a conselleira estivo acompañada por un grupo de rapaces da zona que colaboraron tamén no regreso destes animais ao seu medio natural.