A Xunta afonda na cooperación con diversas entidades a prol do sector vitivinícola na Barcelona Wine Week
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo un encontro co director do Instituto Catalá da Viña e o Viño e coa xunta directiva da Plataforma Tecnolóxica do Viño no marco desta feira
Medio Rural conta cun expositor propio no que están presentes as Denominacións de Orixe Rías Baixas, que acude ao evento con 24 adegas; a DO Ribeiro, que participa con cinco; a DO Ribeira Sacra, con oito; e unha adega da DO Valdeorras
Barcelona, 4 de febreiro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha serie de encontros estratéxicos a prol do sector vitivinícola galego no marco da celebración da Barcelona Wine Week, que se está a celebrar no recinto feiral de Montjuïc. Estas xuntanzas leváronse a cabo co obxectivo de afondar na cooperación con diversas entidades a prol do sector vitivinícola galego.
Neste sentido, Alemparte reuniuse co director do Instituto Catalá da Viña e o Viño, Joan Gené, para afondar no traballo que desenvolven neste centro público de investigación, dependente da Generalitat de Cataluña, e que está ao servizo da actividade produtiva vitivinícola e enolóxica nacional e ten capacidade plena en materia vitivinícola.
A maiores, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o do Instituto Catalá da Viña e o Viño analizaron a xestión que realizan neste centro catalá para a certificación de Viños de Finca Cualificada. Por último, e xunto con Xoán Luis Elorduy, da Estación Viticultura e Enoloxía de Reus, estudaron as posibilidades de colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.
Ademais desta xuntanza, Martín Alemparte tamén participou na reunión da xunta directiva da Plataforma Tecnolóxica do Viño, da que a Axencia dependente da Consellería do Medio Rural é socia. Esta plataforma ten por obxectivo impulsar e establecer unha estratexia común de I+D+i para o sector do viño en España, polo que conta coa colaboración dos diferentes axentes do sector con bodegas, empresas da industria auxiliar vitivinícola, grupos de investigación, centros tecnolóxicos e, incluso, asociacións empresariais e outras institucións públicas e privadas.
Barcelona Wine Week
A Consellería do Medio Rural conta nesta feira cun expositor propio no que están presentes as Denominacións de Orixe Rías Baixas, que acude ao evento con 24 adegas; a DO Ribeiro, que participa con cinco; a DO Ribeira Sacra, con oito; e unha adega da DO Valdeorras. Esta presenza compleméntase cun túnel do viño no que estarán presentes caldos das cinco denominacións de orixe galegas. A Axencia organizou tamén unha representación das empresas elaboradoras dos produtos das Indicacións Xeográficas Protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia con dous postos que acollen estes produtos; así como outros dous stands para os viños con IXP.