O titular do Goberno galego participou na entrega dos recoñecementos ás MeteoEscolasExcelentes 2024

Rueda destaca o compromiso da Xunta coa educación ambiental dos máis novos como ferramenta clave para avanzar cara á neutralidade climática

Salienta a importancia de que “Galicia estea cumprindo os obxectivos que nos marca a UE antes que a inmensa maioría dos territorios e que sexamos capaces de reducir a pegada de carbono ou de apoiar as enerxías renovables”, coa mirada posta nos que “veñen detrás”

O Executivo autonómico reafirma o seu compromiso coa redución de gases de efecto invernadoiro con medidas como a Estratexia Galega de Cambio Climático

Dentro desta folla de ruta se insiren iniciativas como o novo programa Mocidade polo Clima para sensibilizar e formar ás galegas e galegos, desde os 3 ata os 35 anos, a través de novas propostas como as MiniMeteoEscolas, que buscan espertar o interese polo medio ambiente desde a etapa infantil

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa educación ambiental como ferramenta clave para avanzar cara á neutralidade climática, reforzando así o papel da mocidade na loita contra o quecemento global.

Neste sentido, e aproveitando a entrega de distincións ás mellores MeteoEscolas de 2024, unha iniciativa impulsada pola Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático, salientou a importancia de que “Galicia estea cumprindo os obxectivos que nos marca a UE antes que a inmensa maioría dos territorios e que sexamos capaces de reducir a pegada de carbono ou de apoiar as enerxías renovables”, coa mirada posta nos que “veñen detrás”.

Así, defendeu o lema Galicia Refuxio Climático como “unha gran verdade” e apostou por seguir mellorando o coñecemento do alumnado en temas de meteoroloxía e clima e promover a investigación nos centros educativos como promove MeteoEscolas, que conta coa colaboración de MeteoGalicia, organismo ao cal definiu como “un dos mellores servizos meteorolóxicos que temos no país”.

Ao respecto, agradeceu a todo o profesorado implicado que “dedicades parte do voso tempo, a maiores de todo o traballo que xa tedes, a inculcarlle aos alumnos ese interese pola ciencia, polo clima e por entender por que pasan as cousas”, ao mesmo tempo que animou á rapazada a seguir sentindo ese “interese e curiosidade”.

Dos 42 centros participantes o pasado curso, 24 foron distinguidos esta mañá pola súa excelencia nunha iniciativa que, un ano máis, bateu un novo récord de participación con 10.343 estudantes e 715 docentes de Primaria, Secundaria e Educación Especial.

Novas iniciativas: Mocidade polo Clima

Co obxectivo de que Galicia sexa unha rexión neutra en emisións de gases de efecto invernadoiro, a Xunta está a impulsar medidas como a Estratexia Galega de Cambio Climático. Unha folla de ruta na que se enmarcan novas ideas como o programa Mocidade polo Clima, co obxectivo de ampliar a formación e sensibilización ambiental á poboación máis nova.

Esta iniciativa, pioneira na comunidade, aspira a educar e sensibilizar fronte ao cambio climático a máis de 10.000 galegos con idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos a través da formación, desde a etapa de educación infantil ata a universitaria; a información e divulgación, con visitas e eventos con relatores de referencia na materia; e a acción, fomentando a participación activa a través de campamentos, voluntariado ambiental e premios para recoñecer as iniciativas innovadoras dos mozos e mozas galegos.

O programa contará cun orzamento inicial de 200.000 euros para este 2025 e inclúe novas propostas como as MiniMeteoEscolas, dirixidas a nenos e nenas de 3 a 6 anos, co obxectivo de sementar o interese polo medio ambiente dende as primeiras etapas educativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2025