O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, estivo hoxe na residencia Volta do Castro, pertencente á rede pública autonómica

A Xunta presenta o seu modelo de coidados en centros residenciais ás profesionais do sector

Galicia foi pioneira no desenvolvemento dun sistema baseado na atención personalizada, o uso das novas tecnoloxías, a mellora dos equipamentos e a formación continua

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe os avances na mellora da atención nos centros residenciais que supón o novo modelo de coidados implantado na rede autonómica. Antón Acevedo estivo hoxe o centro residencial Volta do Castro da Xunta de Galicia, que recibiu a visita  dun grupo de profesionais do sector sociosanitario interesado no modelo galego.

O director xeral lembrou que Galicia foi pioneira no desenvolvemento dun sistema de coidados que ten como piares fundamentais a atención personalizada, a mellora dos equipamentos, o uso das novas tecnoloxías e a formación continua dos profesionais. A finalidade é que os maiores que se aloxan en residencias se sintan como nos seus fogares e dispoñan dos mellores medios e sistemas para ter unha atención da máxima calidade.

Neste sentido, apuntou que a residencia de Volta do Castro foi unha das primeiras de titularidade autonómica en dispoñer das chamadas habitacións intelixentes, que permiten mellorar o confort, os coidados, o control do estado de saúde e a seguridade dos residentes. Entre outras innovacións, os dormitorios deste centro están dotados de sensores que advirten de calquera incidencia que poida acontecer como, por exemplo, unha caída.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2025