A Xunta avanza na súa colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá para analizar a situación do sector

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria vén de manter unha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador deste indicativo de calidade

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de manter unha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, José Cuadrado, para analizar a situación do sector.

Nesta reunión, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a levar a cabo distintas accións promocionais orientadas a impulsar o consumo deste produto con selo de calidade diferenciada. Esta actividade complementarase favorecendo a identificación da IXP Faba de Lourenzá nos puntos de venda, para que os consumidores poidan recoñecela e distinguila doutras marcas.

Neste sentido, recolléronse tamén as demandas do sector, que reclaman unha reforma do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) neste eido, e lembrouse que os mecanismos de modificación do Pepac e a regulamentación básica da Unión Europea son de difícil cambio a instancias dos estados membros.

Por outra banda, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, poranse en marcha dúas liñas de traballo centradas nesta produción. En primeiro lugar, analizarase a eficacia dos actuais tratamentos fitosanitarios que emprega este sector. Afondarase tamén na procura de novos tratamentos para abordar as consecuencias que están a ter a afección dos fungos e o cambio das condicións climáticas na IXP Faba de Lourenzá. A maiores, estudarase a saída comercial da faba esmagada, que actualmente non está amparada por esta indicación xeográfica protexida.

Por último, abordouse a petición do Consello Regulador de modificar o prego de condicións técnicas de esta IXP, co obxectivo de mellorar a comercialización deste produto para que redunde nunha maior rendibilidade económica para os produtores de faba certificada.

Data de actualización: 05/02/2025