A Delegación da Xunta en Lugo acolle unha exposición sobre silvopastoreo e conservación de razas autóctonas
A mostra presenta o proxecto LIFE-Silfore no que participa a Axencia Galega da Calidade Alimentaria co fin de mellorar os bosques galegos fronte ás consecuencias do cambio climático
Lugo, 5 de febreiro de 2025
A Delegación Territorial da Xunta acolle dende hoxe unha exposición sobre o proxecto LIFE-Silfore, enfocado no silvopastoreo e a conservación de razas autóctonas. Na inauguración participaron o delegado territorial, Javier Arias, e a catedrática da USC e coordinadora do proxecto en Galicia, Rosa Mosquera.
A mostra está formada por un conxunto de paneis que explican a planificación, a execución e as ferramentas xeradas a partir do proxecto LIFE-Silfore, que está na procura de novos métodos para lograr que as masas forestais das zonas atlánticas e subatlánticas sexan máis resilientes ao cambio climático, centrándose na aplicación de medidas silvopastorais de cara a previr incendios forestais, aumentar a biodiversidade e promover o desenvolvemento da economía rural.
A Xunta de Galicia participa neste proxecto a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), á que se suma tamén o Grupo de Sistemas Agroforestais e Agroecoloxía do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario, o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) e o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias. Para acadar os obxectivos deste programa instalouse unha rede de 11 ‘demostradores’ en distintos puntos de Galicia, Asturias, País Vasco e o norte de Portugal, entre eles, Ribeira de Piquín.
A exposición poderase ver na sala de exposicións da Delegación Territorial durante todo o mes de febreiro.