A Xunta apoia cunha axuda de preto de 170.000 euros á cooperativa Aranxes na adquisición de nova maquinaria agrícola
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións desta empresa de Monfero dedicada á produción agrícola e gandeira
Lembra que ata o 27 de febreiro está aberta unha nova convocatoria destas axudas que poden destinarse á adquisición de maquinaria agrícola e á financiación de estudos técnico-económicos de viabilidade
Monfero (A Coruña), 6 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou esta mañá en Monfero a cooperativa agraria Aranxes, dedicada á produción agrícola e gandeira que vén de incorporar nova maquinaria agrícola co apoio do Goberno galego.
En concreto, tal e como explicou o seu responsable, Manuel Rocha, esta empresa social que conta actualmente con 17 socios, adquiriu un novo tractor e un remolque grazas a unha axuda autonómica de 168.682 euros para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia concedida o pasado ano.
Aneiros lembrou durante a visita que a Xunta ten aberto ata o próximo 17 de febreiro o prazo de presentación de solicitudes dunha nova convocatoria desta liña de axudas destinada a cooperativas agrarias, cooperativas de utilización de maquinaria en común, cooperativas de explotación comunitaria da terra de cinco ou menos anos de antigüidade e a sociedades agrarias de transformación.
Conta cun orzamento de 1,4 M€ e o importe das achegas que se poderán destinar á adquisición de nova maquinaria agrícola ou a financiar estudos técnico-económicos de viabilidade, poderá ser de ata o 50% dos custos elixibles.
A delegada territorial indicou que estas axudas que se convocan con carácter anual están financiadas a través do Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2024-2020.