María José Gómez pon en valor as axudas para reestruturación e reconversión de viñedo como ferramenta para mellorar a competitividade do sector
A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións de Viña Costeira en Ribadavia, que foi beneficiaria destas achegas cuxa convocatoria de 2024 vén de resolverse cun investimento de 3,1 millóns de euros para beneficiar 172 persoas viticultoras
Desde o 2018, estas axudas supuxeron unha inxección de preto de 17 millóns de euros no agro galego, coa aprobación de case 1.100 expedientes que permitiron reestruturar e/ou reconverter máis de 1.500 hectáreas de viñedo
En relación coa flavescencia dourada da vide, Gómez lembrou que os titulares das parcelas afectadas están obrigados a eliminar as plantas infestadas e engadiu que, de non facelo, a Xunta pode actuar de forma subsidiaria
Ribadavia (Ourense), 6 de febreiro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor as axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión da viña en Galicia, que se veñen de resolver -na súa convocatoria de 2024- e que suporán un investimento de 3,1 millóns de euros para beneficiar 172 persoas viticultoras e actuar sobre un total de 237 hectáreas. Así o trasladou nunha visita ás instalacións de Viña Costeira en Ribadavia, que foi beneficiaria destas achegas, e onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O obxectivo destas axudas, tal e como explicou Gómez, é mellorar a competitividade das explotacións vitícolas facéndoas máis rendibles e potenciando un eido estratéxico do sector agroalimentario da nosa comunidade. Isto faise favorecendo a replantación de viñedos, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión de viñedos. Trátase, engadiu, de perfeccionar o cultivo da vide en Galicia, reducindo custos e orientándoo mellor aos diferentes mercados, potenciando tamén o grao de profesionalización ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Volvendo a vista atrás, a conselleira lembrou que dende 2018 estas axudas supuxeron unha inxección de preto de 17 millóns de euros no agro galego, coa aprobación de case 1.100 expedientes, que permitiron reestruturar e/ou reconverter máis 1.500 hectáreas de viñedo no noso territorio.
Flavescencia dourada
Nesta visita, a titular de Medio Rural referiuse tamén a un problema que -subliñou- “nos ocupa e nos preocupa”, como é a flavescencia dourada da vide, unha doenza que afecta a varios concellos desta zona do Ribeiro, entre outros de Ourense e Pontevedra.
En relación con esta enfermidade, Gómez insistiu nunha chamada á responsabilidade e en lembrar a obriga que teñen os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores de eliminar as plantas infestadas o antes posible e aplicar un tratamento insecticida autorizado en toda a parcela. As plantas infestadas e todas as sintomáticas das parcelas deberán ser arrincadas e destruídas, remarcou.
Nesta liña, a conselleira amosou a súa confianza na responsabilidade dos viticultores, pero ao tempo sinalou que, se non se fan estes traballos, a Xunta pode actuar de forma subsidiaria e proceder coa súa eliminación.