A Xunta e Comisión abordan as prioridades do novo executivo comunitario

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou unha nova edición dos Encontros virtuais Xunta-UE sobre as perspectivas e desafíos do novo executivo comunitario

Bruxelas, 6 de febreiro de 2025

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou unha nova edición dos Encontros virtuais Xunta-UE, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. Durante a sesión, abordáronse as perspectivas e desafíos do novo executivo comunitario, o segundo presidido por Ursula von der Leyen.

Na inauguración, Jesús Gamallo destacou a importancia de achegar a Unión Europea a Galicia a través de iniciativas como estes encontros, que cualificou de fundamentais para trasladar as prioridades europeas ao ámbito da Xunta. O director xeral explicou que para defender os intereses galegos en Europa é imprescindible comprender como se deseñan as políticas comunitarias e achegar a experiencia da FGE dende o terreo.

Sobre as prioridades da nova Comisión, Jesús Gamallo destacou cuestións como a ampliación da UE e a súa autonomía estratéxica, a seguridade e defensa, ou a neutralidade climática. Unhas prioridades céntrase no fortalecemento do futuro de Europa nos próximos anos.

Pola súa parte, Sonia Vila, directora xeral en funcións e xefa de unidade responsable de IDEA, o centro de asesoramento da presidenta da Comisión Europea puxo sobre a mesa o punto de vista comunitario, mentres que Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, repasou as prioridades galegas ante o comezo do novo ciclo institucional.

Encontros virtuais Xunta-UE

Dende 2020, máis de 600 representantes da Xunta participaron nas 45 edicións celebradas dos Encontros virtuais Xunta-UE. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2025