Medio Rural rematará antes de finais de ano 26 pasteiros cunha superficie de 519 hectáreas
Así o resaltou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento
En resposta a outra cuestión, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, salientou a importancia das achegas para a subministración de leite e froita entre os centros educativos de Galicia
Por outra banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, respondeu a unha pregunta sobre a anulación do concurso para a implantación dunha solución integral para a xestión das comunidades enerxéticas
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, destacou que a Xunta está a traballar activamente para proporcionar seguridade xurídica a todos os novos contratos temporais de xestión pública dos montes
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025
A Consellería do Medio Rural executará antes de finais de ano 26 pasteiros que abranguen unha superficie de 519 hectáreas. Así o resaltou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento.
Neste sentido, dende o ano 2020 -e tendo en conta as actuacións que se rematarán neste 2025- a Consellería do Medio Rural destinou un total de 14,5 millóns de euros ao Plan de Pastos de Galicia, que permitiron poñer a disposición das explotacións agrogandeiras un total de 106 pasteiros cunha superficie de 2.500 hectáreas. Balseiros salientou a importancia que teñen este tipo de accións na nosa comunidade, xa que as explotacións poden contar cunha superficie adicional para manter en óptimas condicións o gando en extensivo, con peches de alta calidade e infraestruturas de manexo e subministro de auga e alimento para os animais.
Os pasteiros tamén favorecen a biodiversidade nos ecosistemas agroforestais, melloran a actividade socioeconómica e contribúen a diminuír os efectos dos incendios forestais ao rachar coa continuidade dos combustibles actuando como cortalumes. O director xeral asegurou que de cara o futuro o Goberno autonómico seguirá a apostar por esta figura tan beneficiosa para o rural galego.
Reparto de froita e leite nas escolas
Por outra banda, o director xeral da PAC e do Control da Calidade Alimentaria, Juan José Cerviño, enxalzou as axudas para a subministración de froita fresca, castañas e leite aos centros educativos. Cerviño salientou que a última adxudicación desta axuda permitirá beneficiar a 323 centros educativos e máis de 80.000 escolares a través dun investimento de máis dun millón de euros. Seguindo esta liña, explicou que o obxectivo desta iniciativa é fomentar a creación de hábitos alimenticios saudables que os cativos poidan manter na súa vida adulta.
Desenvolvemento rural
Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, respondeu unha pregunta sobre a anulación do concurso para a implantación dunha solución innovadora integral para a xestión das comunidades enerxéticas nas aldeas modelo. Así, explicou que esta decisión debeuse aos avances feitos en materia de liñas de achegas convocadas e ferramentas postas en marcha polo Goberno autonómico para que as entidades locais e as empresas do sector agrario poidan desenvolver os seus propios plans individuais para a xeración de enerxías renovables. Neste sentido, e despois do amplo número de avances rexistrados neste eido, a medida responde ao obxectivo de realizar unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.
Lembrou que a nosa comunidade conta con 21 aldeas modelo declaradas, das cales 18 están en produción ou en proceso de oferta. De seguido, afianzou o compromiso da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por seguir afondando na recuperación produtiva e á creación de modelos integrais que supoñan unha mellora da calidade de vida dos habitantes, o acceso aos servizos básicos e a inclusión de infraestruturas enerxéticas renovables.
Como resposta a outra cuestión, Paz Rodríguez fixo referencia ás distintas iniciativas postas en marcha pola Axencia para acadar un desenvolvemento territorial e sustentable a longo prazo, que contan con criterios de selección rigorosos para garantir a cohesión social do noso territorio.
A directora asegurou que medidas como o Plan Camiña Rural, a liña de achegas específicas para a ampliación e modernización de empresas non agrícolas, as axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión do viñedo na Ribeira Sacra ou a execución da medida Leader están a garantir unha mellora progresiva das condicións de vida no rural e facilitan a fixación de poboación nestas zonas. Ademais, apostan pola mellora das infraestruturas, o impulso da actividade económica e reflicten unha estratexia ben planificada.
Xestión forestal
Por outra banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, destacou que a Xunta está a traballar activamente para proporcionar seguridade xurídica a todos os novos contratos temporais de xestión pública dos montes que substitúan os consorcios ou convenios coa Administración autonómica.
Chan explicou, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, que as figuras dos consorcios ou convenios xurdiron como instrumentos de colaboración entre a Administración forestal e as persoas propietarias, pero, no contexto actual, considéranse obsoletas debido ás novas demandas sociais, ambientais e económicas, así como á evolución da normativa forestal e ambiental.
Por iso, sinalou, a Xunta actúa para favorecer o proceso de substitución con medidas legais e de fomento, entre as que salienta a creación dun fondo de melloras destinado a investimentos forestais que se regulará mediante decreto. Esta norma, dixo Chan, está preparada para a súa tramitación final e publicación en breve prazo de tempo. O director xeral engadiu que a superficie baixo consorcio ou convenio redúcese anualmente achegándose xa ao obxectivo establecido no Plan Forestal, ao tempo que avanza, paralelamente, a superficie de monte ordenado.