A xornada contou coa intervención de representantes da Fundación de Deporte Galego e da Fundación do Secretariado Xitano
Sanidade presenta en Ponteareas as accións que se desenvolverán no proxecto europeo Health4Kids destinado a mellorar a saúde infantil
Destaca especialmente a realización de talleres de alimentación saudable en centros educativos do municipio
No marco das actividades do proxecto prevense diversas accións durante a Semana das Ciencias, que terá lugar a finais de abril
Ponteareas (Pontevedra), 9 de febreiro de 2025
O Concello de Ponteareas acolleu, esta semana, unha reunión coa Rede Local de Saúde do proxecto Health4EUKids, na que se presentou o estado actual desta medida e as principais accións que levarán a cabo no marco desta iniciativa europea, cuxo obxectivo é mellorar a saúde infantil mediante intervencións comunitarias.
No encontro, a Consellería de Sanidade, a través da Rede Galega de Promoción da Saúde, detallou as accións que se desenvolverán durante os próximos meses, destacando especialmente a realización de talleres de alimentación saudable en centros educativos da localidade. Estes talleres teñen como fin promover hábitos alimenticios saudables entre os máis novos, fomentando a importancia dunha dieta equilibrada e o exercicio físico como piares fundamentais dun estilo de vida saudable.
Ademais, no marco das actividades do proxecto prevense diversas accións durante a Semana das Ciencias, que terá lugar a finais de abril e coas que se busca involucrar a toda a comunidade en actividades de sensibilización sobre a saúde, a nutrición e o benestar físico.
Intervencións
A xornada que tivo lugar en Ponteareas contou coa participación de Miguel do Corral, da Fundación de Deporte Galego, quen presentou os detalles sobre a avaliación da condición física nos centros educativos. Esta avaliación permite medir e monitorizar o estado físico dos nenos e nenas, un paso clave para impulsar políticas que promovan un maior nivel de actividade física nas aulas e fóra delas.
Na reunión tamén participaron Natalia Gómez e Andrea Jales, representantes da Fundación do Secretariado Xitano, quen expuxeron os seus programas de apoio á inclusión social e o acceso á educación e a saúde para a comunidade xitana. As súas intervencións puxeron de relevo a importancia da equidade no acceso aos recursos sanitarios e educativos como parte fundamental da loita pola igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas.
O encontro concluíu co compromiso de continuar colaborando estreitamente cos diferentes axentes sociais e educativos, co obxectivo de mellorar a saúde e o benestar infantil no municipio de Ponteareas, en liña cos obxectivos de Health4EUKids.