A Xunta licita por 324.000 € os traballos de supervisión sobre o funcionamento e seguridade das 3 presas de abastecemento que xestiona Augas de Galicia
O servizo abrangue os encoros de Eiras, Baiona e O Con e inclúe, entre outras tarefas, a actualización do inventario dos instrumentos de medición e sensores instalados nas mesmas, labores de mantemento, toma de lecturas e redacción de informes
Os interesados teñen ata o 21 de febreiro para poder presentar as súas propostas
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2025
A Xunta licitou por un orzamento base de 324.699,76 euros, IVE incluído, o servizo para realizar a auscultación e vixilancia das presas de Eiras, Baiona e O Con, as únicas de titularidade autonómica que xestiona directamente Augas de Galicia na Comunidade.
O obxectivo deste contrato consiste na execución dos traballos adecuados e necesarios para poder xustificar e documentar o bo estado de funcionamento e seguridade dos encoros mencionados, así como garantir a operatividade de todos os instrumentos de auscultación e dos sensores e equipos de automatización coas que contan.
Cómpre lembrar que segundo a norma técnica de seguridade aplicable no caso das grandes presas así como nas clasificadas dentro das categorías A ou B, o seu titular, como responsable de que estas instalacións sexan seguras, deberá garantir o seguimento do comportamento das mesmas.
Augas de Galicia é titular das presas de abastecemento de Eiras, Baiona e O Con (as tres na provincia de Pontevedra), infraestruturas que, ademais de estar consideradas grandes presas, por ter máis de 15 metros de altura sobre cimentos, son de categoría A.
A presa de Caldas tamén é de titularidade autonómica pero queda fora da licitación porque, neste caso, está explotada en réxime de concesión por unha empresa, que se encarga e asume directamente as obrigas derivadas da súa explotación.
En concreto, o servizo de auscultación e vixilancia das presas de Eiras, Baiona e O Con comprenderá, entre outras tarefas, a execución da actualización do inventario e identificación tanto dos instrumentos de auscultación como dos sensores e equipos de automatización instalados nas presas, a toma de lecturas e o mantemento e conservación de todos estes aparatos, visitas de inspección e informes semestrais e redacción dun informe anual co resultado de todos os traballos.
A prestación do servizo ten unha duración inicial de 24 meses pero prevense eventuais prórrogas en cuxo caso o importe estimado e total do contrato, sen IVE, ascendería a 670.867,28 euros. As empresas interesadas en participar na licitación teñen ata o 21 de febreiro para presentar as súas ofertas por medios electrónicos.