A Xunta pon en valor a importancia de continuar impulsando a presenza feminina e a perspectiva de xénero na investigación científica

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu á xornada ‘CientífiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS’, organizada pola USC co gallo do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na xornada CientífiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela con motivo da celebración cada 11 de febreiro do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Co gallo desta efeméride, o CiQUS organiza unha xornada de posta en valor do traballo das súas investigadoras e así ofrecer a estudantes referentes femininos no ámbito científico.

No encontro, a directora xeral destacou a importancia deste tipo de eventos, que buscan visibilizar a importancia das mulleres na ciencia e que teñen como obxectivo romper as barreiras de xénero que aínda existan. Neste sentido, María Quintiana fixo fincapé no compromiso da Xunta en seguir impulsando a presenza feminina e a perspectiva de xénero na carreira investigadora. Incidiu, ademais, na necesidade de seguir traballando na incorporación das mulleres na investigación xa desde nenas fomentando a súa presenza nas carreiras STEM.

Na súa intervención, a directora xeral puxo en valor o papel que xoga a Unidade Muller e Ciencia, un órgano colexiado da Xunta de Galicia que ten como obxectivo dinamizar e transformar a ciencia e a tecnoloxía galega desde a perspectiva de xénero. Todo co obxectivo de promover a igualdade entre mulleres e homes neste eido, rachar con estereotipos e roles de xénero que cada ano visibilizan o talento das mulleres galegas na ciencia a través do Premio María Josefa Wonenburger Plannels.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2025