A Xunta renova o seu apoio ás mulleres emprendedoras cunha nova convocatoria do programa Emega
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a unha das beneficiarias deste programa autonómico destinado a fomentar o emprendemento feminino
Esta convocatoria da Consellería de Política Social e Igualdade conta cun orzamento de 5 M€
Fene (A Coruña), 17 de xullo de 2026
A Xunta destina este ano 5 millóns de euros para impulsar o emprendemento feminino a través das achegas do programa Emega. A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta desta nova convocatoria durante a visita a unha das beneficiarias do 2025.
Trátase de María José Castro, esteticista de Fene, que percibiu unha achega autonómica de 10.000 euros, dentro da liña Emerxe orientada a facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de novo emprego feminino estable por conta propia e allea.
Aneiros explicou durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, que o obxectivo do programa Emega é o de promover o apoderamento económico e social das mulleres, incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e eliminar a fenda de xénero, “unha das liñas básicas de actuación da Xunta de Galicia no marco da igualdade de oportunidades”, apuntou a delegada.
Tal e como explicou a delegada, na convocatoria deste ano se manteñen as catro modalidades de axuda de edicións anteriores: Emerxe, con contías de ata 22.000 euros para novas iniciativas empresariais e creación de emprego feminino estable; Impulsa, con ata 17.000 euros e dirixidas a favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres; Innova, con ata 42.000 euros, para iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, unha axuda complementaria das anteriores de ata 5.000 euros para promover a conciliación das emprendedoras e das traballadoras.
A delegada animou ás emprendedoras da zona a solicitar estas axudas antes do 3 de agosto, día no que pecha o prazo, sinalando que na pasada convocatoria foron 14 as beneficiarias no ámbito da Delegación, recibindo un total conxunto de 161.00 euros.