A Xunta impulsa a FP no CIFP Paz Andrade de Vigo con aulas tecnolóxicas que reproducen contornas laborais reais

 A directora xeral de FP coñece a Aula Robótica 4.0, un espazo de simulación avanzada centrado en robótica, realidade aumentada e impresión 3D, e a Aula Xenio 4.0, referente nacional na formación en enerxías renovables

Este centro, que recibe 165.000 euros polos espazos de tecnoloxía aplicada, destaca pola súa aposta en innovación centrada en enerxías renovables e economía circular  

Vigo, 12 de febreiro de 2025

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, en Vigo, para coñecer os avances na formación práctica a través dos seus espazos de tecnoloxía aplicada, que reproducen os procesos industriais reais. Este centro conta con tres espazos de tecnoloxía aplicada cunha inversión total de 165.000 euros, onde o alumnado pode adquirir habilidades en ámbitos clave como a robótica, a automatización e as enerxías renovables.  

O programa de Espazos de Tecnoloxía Aplicada ten como fin transformar as aulas tradicionais de FP en espazos innovadores que recreen ambientes laborais reais, onde se poidan aplicar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos vinculados a cada sector produtivo, integrando ferramentas baseadas en tecnoloxías dixitais como simuladores ou xemelgos dixitais. Estes espazos están relacionados coas diversas familias profesionais da FP galega, posibilitando que o alumnado se achegue á realidade produtiva dos sectores máis relevantes. Cada espazo de tecnoloxía recibe unha achega de 55.000 euros para a súa execución. Actualmente, o sistema educativo galego conta con 80 espazos de tecnoloxía aplicada distribuídos por toda Galicia, 54 dos cales están situados en centros da Rede galega de Centros Integrados de FP.

Formación do alumnado con materiais punteiros 

Durante a visita, Eugenia Pérez comprobou a implementación da Aula Robótica 4.0, un espazo de simulación avanzada que integra robótica, realidade aumentada e impresión 3D. Entre os recursos dispoñibles, destacan simuladores de realidade aumentada para soldadura, unha estación de soldadura robotizada e ferramentas avanzadas de control e programación, garantindo que o alumnado poida desenvolver competencias técnicas nunha contorna que replica os escenarios industriais actuais.  

Ademais, a directora xeral tamén visitou a Aula Xenio 4.0, un espazo de referencia nacional en formación en enerxías renovables. Este laboratorio combina tecnoloxías de vangarda como a eólica, a fotovoltaica e a aerotermia, cun moderno centro de control enerxético e unha turbina de aeroxerador operativa, que pode ser monitorizada e xestionada en tempo real desde o propio centro.  

O Centro Integrado de FP CIFP Valentín Paz Andrade é un referente da FP galega, sendo o representante autonómico gañador das SpainSkills 2024 na categoría de Enerxías Renovables, un recoñecemento á excelencia do seu alumnado e á calidade da súa formación. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2025