A conselleira de Política Social e Igualdade participou esta mañá na reunión do ‘Club Consejeras y Directivas’ de APD

Fabiola García aposta polo liderado feminino como camiño para construír unha sociedade igualitaria e unha economía sólida

A conselleira subliñou a aposta da Xunta por apoiar as iniciativas empresariais que recoñezan e fagan visible o talento feminino na comunidade galega

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu esta mañá ao encontro organizado polo Club Consejeras y Directivas da Asociación para el Progreso de la Dirección APD. No acto, puxo en valor a importancia que ten o liderado feminino “como camiño para a construción dunha sociedade igualitaria e unha economía sólida”.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, subliñou a aposta da Xunta por apoiar as iniciativas que recoñezan e fagan visible o talento feminino na nosa sociedade, xa que visibilizar ás mulleres líderes “é fundamental para derrubar barreiras estruturais e culturais e para blindar unha sociedade igualitaria e unha economía forte e sólida”.

Na súa intervención, salientou o labor realizado por colectivos empresariais como APD e os seus avances no reforzo do talento e liderado feminino e na posta en valor do talento de mulleres referentes en Galicia.

O Club APD de Consejeras y Directivas é un espazo de networking entre relatores de primeiro nivel e directivos e asesores líderes dentro e fóra de Galicia que busca promover o bo goberno corporativo das empresas desde a perspectiva da diversidade e da igualdade de oportunidades. Forma parte de APD Galicia, a división creada para reforzar de forma específica o networking dos directivos galegos tras a consolidación de APD Noroeste.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2025