Os avances tecnolóxicos e a concienciación da poboación contribúen á terceira cifra de chamadas máis baixa dos últimos vinte anos no 112 Galicia

Das máis de 233.200 incidencias xestionadas en 2024 destaca o aumento nas producidas en vías de circulación

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi o organismo máis mobilizado, seguido das policías locais e das agrupacións de voluntarios de Protección Civil

A Estrada (Pontevedra), 15 de febreiro de 2025

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu 869.424 chamadas en 2024, o que supón un descenso respecto ás máis dun millón de 2023. Trátase do terceiro rexistro máis baixo en dúas décadas, só por detrás de 2021 e 2022. Os avances na integración con outros organismos, a dixitalización de comunicacións e o labor de concienciación cidadá foron claves nesta evolución.

A relación entre chamadas e incidencias mantén unha tendencia estable, similar á dos últimos anos. En 2024 xestionáronse 233.289 incidencias, polo que máis dunha de cada catro chamadas atendidas derivou nunha actuación concreta.

Nos últimos anos, a participación de organismos como a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, a Garda Civil de Tráfico ou a Policía Nacional permitiu optimizar a xestión das emerxencias. Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e o 112 Galicia reforzaron accións de sensibilización cidadá sobre o uso responsable do servizo mediante visitas ao centro, campañas en redes sociais, intervencións en medios de comunicación e a difusión de contidos educativos na web.

A implantación de novas funcionalidades na aplicación SIPROC permitiu que as agrupacións de Protección Civil rexistren operativos preventivos sen contactar telefonicamente. Estas medidas reduciron o fluxo de chamadas, o que alivia a carga de traballo en momentos críticos con importantes volumes e picos de chamadas.

Aumentan as incidencias en vías de circulación

Máis dunha de cada cinco incidencias xestionadas polo CIAE-112 Galicia en 2024 teñen que ver coas vías de circulación (55.213). Isto engloba os accidentes en estradas, pero tamén a presenza de árbores e pólas nas estradas ou a caída de postes e cables de iluminación, que aumentan os episodios de meteoroloxía adversa. En concreto, os sinistros de tráfico manteñen unha tendencia ascendente con 23.417 casos fronte aos 22.983 de 2023.

Canto aos incendios urbanos contabilizáronse un total de 2.358 casos, concentrándose sobre todo no inverno debido ao incremento do uso de sistemas de calefacción e a actividade en interiores. As campañas de prevención do 112 Galicia ofrecen recomendacións sobre o mantemento de fontes de calor e accións a seguir en caso de lume nunha vivenda. Os incendios industriais, pola súa banda, experimentaron un descenso do 11% respecto a 2023, con 153 rexistrados.

O número de operativos de salvamento e rescate mantense estable con 760 intervencións, 28 menos que en 2023. Os incidentes nos que se facilitaron coordenadas aumentaron con 124 máis que no exercicio anterior, un factor clave para axilizar as operacións. En concreto, xestionáronse 336 rescates de persoas en situación difícil, 375 operativos de salvamento marítimo e 48 rescates de persoas desaparecidas.

Tamén se observou unha redución nas incidencias relacionadas con animais, cun descenso do 22%, ata os 22.990 casos. No eido da protección civil, os operativos caeron un 66%, situándose en 4.842 grazas á mellora na xestión dos operativos preventivos.

Por último, o sistema eCall, obrigatorio en todos os vehículos da Unión Europea desde 2018, resulta cada vez máis fiable coa xestión de 409 incidencias relacionadas con este sistema, mentres que a porcentaxe de falsas alarmas seguiu en descenso ata situarse no 19%. As incidencias sanitarias e as vinculadas á seguridade cidadá continuaron sendo as primeiras e as terceiras máis numerosas, con 85.192 e 38.863 casos respectivamente.

Organismos mobilizados

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 lidera os organismos mobilizados (105.252), dada a prevalencia das incidencias e accidentes que requiren da mobilización de recursos sanitarios. En segundo lugar, sitúanse as Policías Locais (83.199), seguidas polas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que superaron as 50.000 mobilizacións en 2024 con 52.186. Outros organismos implicados inclúen a Garda Civil de Tráfico (34.403 mobilizacións), Bombeiros (32.456), Policía Nacional (26.483) e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con 25.250.

Por outra parte, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega colabora en emerxencias como a busca de persoas desaparecidas, e conta cun importante activo na súa Unidade Operativa de Drons. Tamén participan noutras intervencións, como os incendios industriais ou as tarefas de achique en inundacións provocadas polas chuvias. Xunto a outros servizos de emerxencias galegos participaron nas tarefas de rescate e limpeza na Comunidade Valenciana trala DINA. En 2024 levaron a cabo un total de 78 operativos, unha cifra similar aos de exercicios anteriores.

Cómpre destacar tamén o traballo dos organismos e entidades que solicitan e interveñen en simulacros, fundamentais a modo de traballo preventivo. A autoprotección é esencial en emerxencias, e nesta liña, en 2024 obtívose a cifra máis alta de exercicios deste tipo nos que participou ou que xestionou o CIAE-112 Galicia cun total de 442.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2025