A Unidade de Policía adscrita de Galicia levanta sete actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado en Arzúa
Os axentes realizaron inspeccións en 17 locais que deron como resultado o levantamento das sete actas por carecer os establecementos de cartel informativo da prohibición de venda e subministro de alcohol a menores de idade
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Santiago de Compostela levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o día 7 de febreiro na localidade coruñesa de Arzúa. Como resultado das inspeccións en 17 locais, os axentes levantaron sete actas de infracción por carecer os establecementos de cartel informativo da prohibición de venda e subministro de alcohol a menores de idade que foron remitidas á Consellería de Sanidade.
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e a subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas como en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.