Nadela celebrará o entroido e o 160º aniversario da súa feira os días 22 e 23 de febreiro co apoio da Xunta
A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación das actividades, organizadas pola Asociación de Veciños de San Xoán de Pena
Lugo, 17 de febreiro de 2025
A Xunta colabora coa Asociación de Veciños de San Xoán de Pena para organizar a próxima fin de semana dúas celebracións en Nadela. A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación das actividades coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e representantes da agrupación.
O sábado 22 de febreiro celebrarase a Feira do Entroido, que comezará ás 9,30 horas coa apertura dos postos de venda de produtos tradicionais. Ás 13,00 horas será o pregón a cargo do cociñeiro Santi Almuiña, seguido da actuación de Diego Flâneur & Under, que interpretarán o seu tema Feira de Nadela.
Pola tarde terá lugar o tradicional baile e concurso de traxes de Carnaval. Durante todo o día haberá animación musical e despacharanse filloas elaboradas polas filloeiras de Muimenta.
Aniversario da Feira de Nadela
Ao día seguinte, o domingo 23 de febreiro, haberá unha festa para conmemorar os 160 anos da Feira de Nadela. Está previsto un xantar a base de cocido, seguido de actuacións musicais e baile. Tamén se inaugurará unha exposición fotográfica con imaxes antigas desta feira centenaria, a única que se conserva no municipio de Lugo.